O campus da Xunta sobre igualdade laboral desenvolve máis de 5.500 cursos de formación en dous anos co reto de acadar un mercado laboral máis xusto

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe en Vigo nas xornadas Desafíos e oportunidades para un mercado de traballo sen estereotipos de xénero

No acto expuxéronse tres casos de empresas de sectores tradicionalmente masculinizados, como son a construción, a automoción e o granito, que contan con mulleres no seu cadro de persoal e, ademais, ocupan postos de responsabilidade

Mancha destacou a importancia de concienciar e formar en igualdade laboral ao tecido produtivo para romper coa segregación por xénero no eido laboral

Vigo, 14 de febreiro de 2023 A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, destacou hoxe na súa intervención en Vigo nas xornadas sobre igualdade laboral Desafíos e oportunidades para un mercado de traballo sen estereotipos de xénero a importancia de seguir sensibilizando e formando ao tecido produtivo -persoas traballadoras e empresas- sobre o concepto de igualdade de xénero no eido laboral para acabar cos estereotipos que aínda existen e romper coa brecha entre homes e mulleres no ámbito do traballo.

Mancha lembrou que hai dous anos, a Xunta puxo en marcha o campus virtual sobre igualdade laboral a través do que se ofertaron xa máis de 5.500 formacións co reto de concienciar sobre a importancia de xestionar as empresas desde un enfoque de xénero para eliminar a desigualdade e que as empresas adopten medidas para ir acabando cos estereotipos.

Na xornada celebrada, expuxéronse tres casos de empresas de sectores masculinizados, como son a construción, a automoción e o granito, que contan nos seus cadros de persoal con mulleres que, ademais, ocupan postos de responsabilidade. “É posible romper coa segregración por xénero do mercado laboral e co teito de cristal”, apuntou Mancha.

A directora xeral, para rematar, destacou a aposta da Xunta de Galicia a favor da igualdade e do benestar laboral, que están presentes nun dos eixos principais no deseño das súas políticas de emprego. Así, a  Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a destinar este ano 2023 cerca de 17 M€ (16,8 M€) para apoiar á conciliación e a corresponsabilidade, a igualdade e o benestar laboral.

Ademais dos recursos económicos o Goberno galego está a avanzar na reforma da lexislación autonómica de igualdade para adecuala aos novos tempos e para ampliar a súa cobertura de servizos, incluíndo, como novidade no seu articulado, conceptos como a discriminación múltiple ou o benestar laboral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/02/2023