Os conselleiros de Cultura e Educación e de Promoción do Emprego e Igualdade asinan un acordo para coordinar a impartición desta formación en centros de FP

A Xunta incrementa en case un 50 % as accións formativas para persoas desempregadas desde 2020 e ofertará 133 este curso en 44 concellos

O investimento total nesta formación ascende a 5,3 M€

Do total de accións, 10 ofertaranse na cidade de Vigo, tanto no CIFP Paz Andrade como no CIFP Manuel Antonio e no institutos Politécnico e Ricardo Mella

Como novidade, inclúense na oferta sete accións formativas para impartir por primeira vez en Galicia

Tamén se autoriza aos centros educativos dependentes da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade a impartir varios ciclos de FP

Vigo, 14 de febreiro de 2023

Os conselleiros de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinaron hoxe no Centro Integrado de FP Valentín Paz Andrade de Vigo un acordo para a coordinación das accións formativas para persoas desempregadas que se imparten en centros de FP. Unha oferta que este ano chegará a 133 cursos e que desde 2020 se ten incrementado en case o 50%. Grazas á súa impartición en centros da Consellería de Educación, chegará a 44 concellos de todo o territorio, tanto en zonas urbanas como rurais. O investimento total ascende a 5,3 M€, un impulso “sen precedentes” para esta cualificación que conta con 800.000 euros máis que na anterior edición.

En concreto en Vigo ofertaranse dez destes cursos, tanto no CIFP Paz Andrade como no CIFP Manuel Antonio e no institutos Politécnico e Ricardo Mella. Desde o ano 2017 a oferta na cidade da oliveira foi de 57 cursos completos

Tal e como explicou Román Rodríguez, este convenio entronca directamente co obxectivo estratéxico da Consellería de Educación de fomentar a aprendizaxe ao longo da vida para mellorar as competencias profesionais das persoas e as súas opcións no mercado de traballo. “Un reto que afrontamos tanto a través destas accións para persoas desempregadas como da propia FP e da acreditación de competencias adquiridas pola experiencia laboral”, declarou. Así mesmo, lembrou que o seu departamento está a preparar unha nova lei para a aprendizaxe ao longo da vida adulta, coa que se busca fomentar estas ensinanzas, incrementar a súa calidade e estimular unha sociedade e un envellecemento activo.

María Jesús Lorenzana sinalou, pola súa banda, que ante “o contexto atípico” no que hai postos de traballo sen cubrir en sectores como o primario, servizos ou industria, mentres que tamén hai persoas buscando un emprego, é preciso incidir na formación para o emprego co reto de actualizar os coñecementos e na capacitación máis especializada. Indicou que o mercado de traballo está a requirir dunha oferta formativa adaptada ás necesidades e demandas do tecido produtivo para incrementar as oportunidades laborais das persoas que buscan un emprego e tamén para garantir unha estabilidade laboral e permanencia no mercado das persoas que se encontran en activo.

Novidades da oferta

Na oferta formativa deste ano están representadas 18 das 26 familias profesionais actualmente existentes. Como novidade, inclúense sete accións formativas para impartir por primeira vez en Galicia, en concreto os cursos de Mediación comunitaria (CIFP Ánxel Casal-Monte Alto, A Coruña), Animación musical e visual en vivo e en directo (CIFP Imaxe e Son, A Coruña), Operacións de produción de laboratorio de imaxe (IES Arcebispo Xelmírez I, Santiago), Actividades auxiliares de comercio (IES Punta Candieira, Cedeira), Montaxe e reparación de sistemas microinformáticos, (IES Maximino Romero de Lema, Zas), Desenvolvemento de proxectos de instalacións frigoríficas (CIFP As Mercedes, Lugo) e de Elaboración de viños e licores (CIFP A Granxa, Ponteareas).

Cada acción está constituída polo contido específico das especialidades formativas conducentes á obtención de certificados de profesionalidade e en todas elas impartirase o módulo transversal de Inserción laboral, sensibilización ambiental e na igualdade de xénero cunha duración de 10 horas.

Ensinanzas de FP

A través do acordo asinado hoxe tamén se autoriza aos centros educativos dependentes da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade a impartir varios ciclos de FP. Así, o CIFP Santiago inclúe na súa oferta o ciclo superior en Xestión Forestal e do Medio Natural, o de Coia (Vigo) os ciclos superiores en Mecatrónica industrial e en Automatización e Robótica Industrial e o Santa María de Europa (Ourense) o ciclo medio en Carpintería e moble.

Ademais, autorízase a impartición na Escola de FP Marítimo- Pesqueira de Bueu de módulos profesionais específicos correspondentes á FP Básica en Actividades marítimo pesqueiras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/02/2023