A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou o centro esta mañá

A Xunta inviste 500.000 euros na reforma da residencia de maiores pública autonómica da Pobra do Caramiñal

Os traballos centráronse na fachada e permitiron aumentar a eficiencia enerxética das instalacións, así como a comodidade dos usuarios

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 14 de febreiro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, destacou hoxe que a Xunta de Galicia investiu 500.000 euros na reforma da residencia de maiores pública autonómica da Pobra do Caramiñal. Fíxoo nunha visita a este centro residencial da comarca do Barbanza. 

Fabiola García explicou que os traballos de remodelación centráronse na fachada e permitiron aumentar a eficiencia enerxética das instalacións, así como a comodidade dos usuarios. Máis polo miúdo, as obras consistiron na colocación dun sistema de illamento térmico exterior, para manter a temperatura no interior e reducir o consumo; substituíronse todas as ventás e parte das portas, pintouse a fachada e colocouse unha nova cuberta.

 Neste sentido, a conselleira de Política Social e Xuventude puxo en valor a renovación dunha das residencia da Xunta de máis longa traxectoria, xa que leva case 40 anos de coidados e atención ás persoas maiores.O centro está destinado a persoas maiores autónomas e na actualidade supera as 40 prazas.
 

 Servizos no Barbanza

Ademais, Fabiola García explicou que desde a Consellería de Política Social e Xuventude están a reforzar e mellorar os servizos sociais da contorna para garantir unha atención de proximidade a todos os veciños.

 Así, explicou que hai uns meses ampliouse con 10 novas prazas a oferta do centro de día da Pobra; recordou que está a proxectarse en Ribeira a que será a primeira residencia pública do novo modelo de coidados, con capacidade para atender a 100 usuarios; que o ano pasado inaugurouse o Punto de Encontro Familiar do Barbanza, para garantir a protección dos nenos cuxos proxenitores se atopan nunha separación conflitiva; e que hai unhas semanas renovouse o financiamento da unidade de atención temperá, que lle dá servizo ás familias da Pobra, Ribeira e Boiro, para previr e tratar problemas de desenvolvemento en nenos de 0 a 6 anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/02/2023