O presidente galego participou no recoñecemento en Marín á tripulación do Playa Menduíña Dos, barco que auxiliou as vítimas no accidente en Terranova

A Xunta reafirma o seu apoio á investigación para esclarecer as causas do naufraxio do Villa Pitanxo

Rueda cualifica de “valentes” e “auténticos heroes” os tripulantes do Playa Menduíña Dos pola súa actuación na recuperación das vítimas e no rescate dos sobreviventes
 

Defende a baixada ao barco afundido para dar respostas que ofrezan “paz” ás familias; “seguridade” ás persoas que faenan nesas augas; e tamén para que “a verdade saia á luz e se faga xustiza”
 

Marín (Pontevedra), 13 de febreiro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe o apoio do Goberno galego á investigación para esclarecer as causas do naufraxio en augas de Terranova do Villa Pintaxo, do que se cumpre un ano o vindeiro mércores, 15 de febreiro, e do que apuntou como clave na recuperación das vítimas e no rescate dos sobreviventes a actuación dos tripulantes do Playa Menduíña Dos, os que cualificou de “valentes” e “auténticos heroes”.

Así o puxo en valor no acto de recoñecemento en Marín á tripulación desta embarcación, ao que asistiron parte dos membros do Playa Menduíña Dos e tamén o seu patrón, Ramón Porto; a voceira dos familiares do Villa Pitanxo, María José Dopazo; e un dos tres sobreviventes do naufraxio, Samuel Kewesi.
 

Para todos eles o presidente do Goberno galego tivo palabras de agradecemento, remarcando a actuación do Playa Menduíña Dos -ao que definiu como “barco de valentes”- ante un naufraxio que tachou de “horrible” e do que advertiu que “nunca tivo que acontecer”.

“Este recoñecemento había que facelo”, defendeu Rueda, quen o considerou necesario para lembrar as vítimas dunha traxedia “que non pode quedar no esquecemento” e tamén para recoñecer “a bravura e valentía” da tripulación do Playa Menduíña Dos.
 
O mandatario galego gabou a actuación dos membros do Playa Menduíña Dos pola “intervención vital” e por terse convertido en “salvavidas nun mar asasino” e agradeceulles tamén terse convertido a milleiros de quilómetros “no primeiro apoio das familias”, un comportamento que asegurou que “ninguén dos presentes poderá deixar de agradecer por moito que pasen os anos”.
 

Apoio da Xunta ás familias na investigación para esclarecer as causas

Durante o transcurso da homenaxe, Rueda volveu amosar o “apoio sempre” da Xunta de Galicia ás familias dos desaparecidos no naufraxio e tamén na súa reivindicación de que se levase a cabo a operación de baixar ao pecio do Villa Pitanxo co obxecto de esclarecer o acontecido.
 
Por este motivo, trasladou a súa satisfacción con que esta inspección se faga. “É un alivio”, insistiu con respecto desta baixada ao barco afundido, da que lamentou que non se tivera feito antes tras tantos meses de “loita, reclamacións e rogos”.
 
O presidente da Xunta salientou que a posta en marcha da operación da baixada ao pecio vai resolver as dúbidas das familias afectadas, ás que lles dará “paz” contar con respostas, pero tamén valorou que a investigación tamén lles dará “seguridade” ás persoas que se “xogan a vida” nesas augas, porque esgrimiu que servirá que un naufraxio como o Villa Pitanxo, “de poder evitarse, non volva suceder “.
 
Consecuentemente, Rueda amosouse esperanzado de que con esta baixada ao barco afundido se esclarezan as causas do naufraxio, xa que insistiu en que familiares das vítimas e mesmo a tripulación do Playa Menduíña Dos merecen que “a verdade saia á luz e se faga xustiza”, concluíu.
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/02/2023