A Xunta ofrece máis de 335.000 metros cadrados de solo empresarial bonificado na provincia da Coruña

A partir de mañá e ata o 14 de marzo poderanse solicitar os case 275.000 metros cadrados que acaba de sacar Xestur nesta provincia no seu concurso de adxudicación

O Instituto Galego da Vivenda e Solo pon á disposición das empresas outros 60.519 metros cadrados aos que se pode optar en calquera momento

Desde 2015, ano no que se implantou a bonificación sobre os prezos de venda, a Xunta adxudicou en toda Galicia preto de 2,9 millóns de metros cadrados con descontos por importe de máis de 83 millóns de euros

Actualmente a Xunta traballa no desenvolvemento de 6,8 millóns de metros cadrados de novo solo empresarial
 

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2023.-

A Xunta de Galicia pon á disposición das empresas galegas ou daquelas interesadas en asentarse na Comunidade un total de 892.927,65 metros cadrados de parcelas urbanizadas en 37 parques propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e de Xestur. Deste total, 335.480,5 metros cadrados correspóndense con polígonos localizados na provincia da Coruña onde o tecido empresarial poderá acceder a esta superficie a prezos bonificados.

Con este fin, a empresa pública Xestur abrirá mañá, 14 de febreiro, o prazo para a presentación de ofertas ao concurso público de adxudicación de solo a prezos bonificados nos polígonos que están baixo a súa titularidade. As ofertas poderán presentarse ata o vindeiro 14 de marzo.

En total, sacaranse á venda 215 parcelas en toda Galicia que suman 517.720 metros cadrados, aos que ao longo de 2023 se unirán outros 86.521 metros correspondentes á ampliación do parque empresarial de Xinzo de Limia, actualmente en desenvolvemento.

Pola súa parte, o IGVS ofrece a 288.686,96 metros cadrados de parcelas, que se adxudicarán segundo o establecido nas bases do concurso vixente. No caso do IGVS as parcelas poderán solicitarse en calquera momento.

Todas as parcelas que ofrece a Xunta, tanto as promovidas polo IGVS como por Xestur, véndense a prezo bonificado, con descontos do 50% nas provincias de Lugo e Ourense, Ferrolterra, Costa da Morte e fronteira portuguesa, e do 30% nos parques restantes.

Ademais da adxudicación en compravenda existe tamén a posibilidade de acceder ao solo en dereito de superficie, pagando un reducido canon anual (1,5% do prezo os dous primeiros anos), en alugueiro e en compravenda con pago aprazado.

Na provincia da Coruña o concurso convocado hoxe por Xestur inclúe 217 parcelas cunha superficie total de 274.961,50 metros cadrados.

CONCURSO DE XESTUR GALICIA

PARQUE
NÚMERO DE PARCELAS
SUPERFICIE m2
PREZO BONIFICADO máximo e mínimo €/m²
Morás (Arteixo)
32
119.682
86,10 – 130,90

A Sionlla (Santiago)

9
23.519,50
104,30 – 145,60
Negreira
3
7.221
48,3
Arzúa
1
2.011
42
Bértoa (Carballo)
5
35.083
35,99 – 45,97
Cedeira
36
38.677
34,17 – 37,50
Ortigueira
41
48.768
27 – 30
TOTAL
127
274.961,50
 

Ao solo ofertado pola empresa pública súmase o que ofrece tamén o IGVS, que se pode solicitar en calquera momento:

SOLO DO IGVS

PARQUE
NÚMERO DE PARCELAS
SUPERFICIE m2
PREZO BONIFICADO
As Somozas
3
50.000
50
Melide
2
4.680
30
Pontedeume
1
1.139
50

Culleredo (Alvedro)

1
4.700
30
TOTAL
13
60.519
 
 

2,9 millóns de metros adxudicados

Desde que en 2015 se implantaron as bonificacións do 30% e do 50% no prezo de venda do solo industrial baixo a súa titularidade, a Xunta de Galicia adxudicou nos seus parques empresariais preto de 2,9 millóns de metros cadrados.

 

Dese total, adxudicáronse en compravenda 2.555.044,57 metros cadrados, con bonificacións por importe de máis de 83 millóns de euros. Ademais, adxudicáronse 324.452,23 metros en dereito de superficie, cun valor total de máis de 22,24 millóns de euros, polo que a aposta da Xunta por incentivar a actividade das empresas asentadas en Galicia acada os 105,24 millóns de euros.

En total son 565 as empresas adxudicatarias de solo e estímase un investimento pola súa parte de máis de 800 millóns de euros e a creación de máis de 7.200 empregos.

Solo en desenvolvemento

Por outra parte, a Xunta traballa actualmente no desenvolvemento de máis de 6,8 millóns de metros cadrados de solo empresarial, dos que máis de medio millón de metros cadrados están en fase de urbanización, máis de 4,3 millóns de metros cadrados en redacción de documentos técnicos e máis de 3,1 millóns de metros cadrados en estudos previos.

En concreto, no caso da provincia da Coruña estase a traballar na dotación de novo solo empresarial nos parques de Morás (Arteixo), Bértoa (Carballo), A Sionlla (Santiago de Compostela), Coristanco e Santa Comba

 
Data de actualización: 13/02/2023