Máis dun cento de alumnos gradúanse na 14ª promoción de Policía Local formada na Academia Galega de Seguridade Pública

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou no acto de graduación co que a Agasp despediu hoxe os novos axentes, que tomarán mañá posesión nos respectivos concellos

O alumnado da 15ª promoción de Policía Local comezará as clases o 3 de marzo

A Agasp consolídase cada ano como centro de referencia na formación dos corpos e forzas de seguridade, así como de servizos de emerxencia, e suma xa máis de 163.500 participantes en centos de cursos

A Estrada (Pontevedra),  de febreiro de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe no acto de graduación da 14ª promoción de Policía Local formada na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Rematada a preparación, os 117 alumnos e alumnas que a integran tomarán posesión mañá nos 34 concellos de destino.

 

Ao acto tamén asistiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e as delegadas territoriais da Xunta en Vigo e en Ferrol, Marta Fernández-Tapias e Martina Aneiros, respectivamente.

 

Na súa intervención, o vicepresidente segundo reafirmou o compromiso de colaboración da Xunta cos concellos galegos na selección e formación dos membros da Policía Local. Nesta liña, lembrou que xa en 2017 se asinou un convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), mediante o que 89 municipios dos 127 con corpo de Policía Local e dos 11 con vixilantes municipais delegaron no Goberno galego o proceso selectivo a través de oposicións unificadas. Así, o 3 de marzo arrinca xa a formación da que será a 15ª promoción de Policía Local, con preto dun cento de aspirantes.

 

Diego Calvo destacou que son xa “máis de 3.000 alumnos de 14 promocións de Policía Local e das distintas promocións de categorías de mandos formados nesta academia”, á que se referiu como “centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade” no que os novos axentes poderán seguir actualizando coñecementos.

 

Para o vicepresidente segundo, as cifras demostran a relevancia do labor desenvolvido pola Agasp, con máis de 163.500 participantes nos centos de cursos anuais dos plans de formación continua da academia. Neles participan efectivos de forzas e corpos de seguridade -Policía Local, Policía Nacional, Policía Autonómica e Garda Civil-, que traballan en Galicia, así como dos servizos de emerxencias, como voluntarios de Protección Civil, membros dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) ou do servizo de extinción de incendios.

 
 

Aberta a convocatoria dun novo curso para GES

Precisamente hoxe o Diario Oficial Galicia publica a convocatoria da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para a realización dun curso sobre intervención en emerxencias para os concellos con GES. O obxectivo é proporcionarlle ao persoal que participou nos procesos selectivos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais os coñecementos necesarios sobre os principais riscos e emerxencias aos que se van enfrontar no seu labor.

 

Deste xeito, os alumnos recibirán formación en primeiros auxilios, actuacións en caso de accidentes de tráfico, extinción de incendios urbanos e industriais e intervención en incendios forestais. A acción formativa realizarase entre os días 1 e 24 de marzo e constará de 70 horas lectivas, con exercicios prácticos e unha proba final, baixo a modalidade semipresencial.

A iniciativa diríxese a todo o persoal que participou nos procesos selectivos dos GES, con prioridade para os dos concellos que contan cun grupo de nova creación e que xa dispoñen dunha sede para el.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/02/2023