A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, participou hoxe nun acto conmemorativo do Día Internacional da Síndrome de Asperger

A Xunta sinala que os avances cara a plena inclusión das persoas con Asperger son froito do traballo colectivo

En Galicia estas persoas teñen á súa disposición, entre outros servizos, unha ampla rede de atención temperá para previr problemas de desenvolvemento desde a primeira infancia, un sistema educativo inclusivo e programas de apoio ao emprego

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2023 A Xunta de Galicia destaca que os avances cara a plena inclusión das persoas con Asperger son froito do traballo e do esforzo colectivo de familiares, entidades e administracións. Así o sinalou hoxe a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, con motivo do acto conmemorativo do Día Internacional da Síndrome da Asperger organizado por Asperga e a Federación Autismo Galicia.

Fabiola García cualificou de “extraordinario” todo o que se leva conseguido nos últimos anos en favor das persoas con Trastornos do Espectro Autista (TEA), garantindo que o Executivo autonómico continuará acompañándoos en cada uno dos seus pasos vitais: desde a infancia ata a madurez. Así, referiuse ás máis de 40 unidades de atención temperá impulsadas pola Xunta para previr e dar resposta aos problemas de desenvolvemento de nenos de 0 a 6 anos, e que dan cobertura a 200 concellos de toda Galicia.

A conselleira tamén destacou o feito de que Galicia ten un dos sistemas educativos máis inclusivos de España e que estas persoas contan co apoio da Xunta para facilitar o seu acceso ao mundo laboral, a través de programas específicos e de prazas reservadas para o traballo público.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/02/2023