Miguel Corgos destaca a planificación estratéxica como un elemento esencial para abordar os retos de futuro sen improvisacións

O conselleiro de Facenda e Administración pública impartiu a conferencia “A Xunta de Galicia: planificación e Orzamentos”, na Universidade da Coruña

A Coruña, 10 de febreiro de 2023

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe a planificación estratéxica como un elemento esencial para abordar os retos de futuro sen improvisacións.

Durante a conferencia que impartiu hoxe na Universidade da Coruña, baixo o título: “A Xunta de Galicia: planificación e Orzamentos”, Corgos recordou que a Comunidade conta co Plan Estratéxico 2022-2030, composto por 5 eixes transversais –o reto demográfico, Galicia verde e sostible, competitividade e crecemento, cohesión social e territorial e gobernanza-; 20 prioridades de actuación e 70 obxectivos estratéxicos.

 

O Plan recolle tamén 10 grandes metas para 2030: a converxencia plena con España en renda per cápita dos fogares galegos; a redución de 4 puntos a taxa de paro ata o 8%; o aumento de 18 a 23 anos de vida saudable a partir dos 65; a redución de 5,5 puntos a taxa de abandono escolar, ata o 6,5% e o logro dun 45% da poboación de 25 a 64 anos con educación superior; o avance cara a neutralidade climática, reducindo un 55% as emisións de efecto invernadoiro en relación a 1990; o incremento ata o 85% a porcentaxe de enerxías renovables na xeración de enerxía eléctrica; o aumento das exportacións ata o 45% do PIB; a procura dunha Galicia dixital e innovadora: duplicando o gasto en I+D e co obxectivo de que o 90% da poboación adulta empregue competencias dixitais; a redución do número de persoas en risco de pobreza e exclusión social; e a garantía dunha Galicia sen fendas de xénero.

 

O conselleiro subliñou que esta planificación reflíctese cada ano no orzamento da Xunta e neste sentido resaltou que para este ano 2023, o Goberno galego deseñou unhas contas de impulso con dous obxectivos claros: achegar solucións a familias e empresas pola alza de prezos –sobre todo aos máis vulnerables- e favorecer a reactivación da economía.

 

Para iso, asegurou que a Comunidade conta cun orzamento de 12.620 millóns de euros, o máis alto da historia de Galicia, con cinco liñas prioritarias de actuación: apoio e protección ás familias e as persoas máis vulnerables; aforro e eficiencia enerxética; dinamización económica; protección do medio ambiente e contra a seca e o cambio climático; e fortalecemento dos servizos públicos.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/02/2023