O xefe do servizo provincial de prevención de incendios de Pontevedra interveu no foro Alto Minho Firecamp 2023 celebrado na localidade portuguesa de Arcos de Valdevez

A Xunta destaca o convenio de protección das aldeas fronte ao lume como unha iniciativa pioneira en Europa

Manuel Francisco salientou que ao abeiro deste convenio asinado entre a Xunta, a empresa pública Seaga e a Fegamp púxose en marcha un sistema novidoso de xestión da biomasa que está dando moi bos resultados

Vinculou todo este labor co enfoque xeral da Xunta a prol da prevención activa dos incendios forestais, a través de iniciativas como as que facilita a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia
 

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2023.- A Xunta puxo en valor o convenio de protección das aldeas fronte os incendios forestais asinado entre a Consellería do Medio Rural, a empresa pública Seaga e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) como unha iniciativa “pioneira en Europa” de colaboración institucional na prevención do lume. Foi no foro Alto Minho Firecamp 2023 celebrado esta semana na localidade portuguesa de Arcos de Valdevez no que entre outros expertos participou -en representación da Xunta- o xefe do servizo provincial de prevención de incendios de Pontevedra, Manuel Francisco.

 

Na súa intervención, o representante da Consellería do Medio Rural salientou que a este convenio xa están adheridos un total de 276 concellos da nosa comunidade, é dicir, o 88% dos municipios totais de Galicia, e que están entregados 273 plans antiincendios municipais, dos cales 207 foron xa aprobados definitivamente.

 

Nesta liña, Manuel Francisco destacou que ao abeiro deste convenio púxose en marcha un sistema novidoso de xestión da biomasa que está dando moi bos resultados. Así, canto á superficie xestionada –polos seus propietarios ou de xeito subsidiario por Seaga– cómpre destacar que pasou de representar a metade do total en 2019 a superar o 70% no ano 2022. Ademais, outro dato que dá idea da dimensión do traballo realizado no marco deste convenio, entre 2021 e 2022 a Xunta inspeccionou máis de 84.000 hectáreas de 1,2 millóns de parcelas.

 

Plan preventivo

Tamén no ámbito da prevención, o representante da Consellería salientou que a Xunta desenvolve, con carácter anual, un plan específico de actuacións que, no caso do que está en vigor, prevese intervir en máis de 58.600 hectáreas de terreo e en preto de 5.800 quilómetros de pistas forestais e outras vías, cun investimento que supera os 33 millóns de euros.

 

A maiores, de cara á prevención de incendios, compre destacar as iniciativas que facilita a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, tales como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo ou as permutas. Desde a entrada en vigor da Lei de recuperación, en maio de 2021, arredor de 10.000 hectáreas de terreo están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria, correspondentes a 21 polígonos agroforestais, a 21 aldeas modelo e a permutas voluntarias no concello de Friol, na provincia de Lugo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/02/2023