As novas axudas para a conservación, eficiencia enerxética e equipamento dos Centros de Información ás Mulleres poden solicitarse ata o 27 de febreiro

As entidades locais titulares destes centros poden optar a axudas de ata 16.640 euros

Galicia conta na actualidade con 84 Centros de Información á Muller (CIM) que atenden unhas 9.500 mulleres cada ano
 

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2023.-

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén aberta ata o 27 de febreiro a nova convocatoria -dotada con  máis de 734.000€- destinada á rehabilitación e mellora do equipamento dos 84 Centros de Información á Muller (CIM) que dan cobertura a 193 concellos da comunidade e atenden unha media de 9.500 mulleres cada ano.

A Xunta de Galicia recoñece estes centros como recurso esencial na atención integral e de proximidade. Por este motivo estrea este ano esta nova liña de apoios.

Serán financiables con ata un máximo de 16.640 euros actuacións de mellora da conservación, da eficiencia enerxética, da accesibilidade e da habitabilidade dos edificios que acollen estes recursos. Tamén a adquisición de equipamento informático (ordenadores, monitores, impresoras), de oficina (fotocopiadoras e similares) e de mobiliario (mesas, cadeiras...).

Para poder acceder ás subvencións as entidades beneficiarias deberán ter presentado a memoria anual do CIM correspondente ao ano 2022 ante a Secretaría Xeral da Igualdade, segundo os termos e prazos establecidos no artigo 14 do Decreto 130/2016, do 15 de setembro. Os concellos implicados na xestión deberán ter remitidas ademais as contas do exercicio orzamentario 2021 ao Consello de Contas de Galicia.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade traballa da man coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a mellora da Rede de Centros de Información á Muller (CIM). A Xunta de Galicia quere impulsar e garantir unha formación especializada e continuada a todas as profesionais dos CIM, co obxectivo de brindar a mellor das atencións ás mulleres usuarias e traballar na prevención da violencia de xénero e o asesoramento ás súas vítimas.

Aumentar a cobertura dos centros a todo o territorio é outros dos obxectivos xunto co de dinamizar as mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, órganos nos que se sentan en cada municipio as principais entidades educativas, sanitarias, policiais e sociais para combater este problema estrutural, reforzar a prevención e canalizar os recursos ao dispor das mulleres vítimas.

O Goberno galego destinará en 2023 máis de 4 millóns de euros aos 84 centros de información á muller existentes na comunidade.

Data de actualización: 12/02/2023