Lorenzana aborda con representantes sindicais medidas para dar resposta ás necesidades do sector primario no eido laboral

A Xunta de Galicia está comprometida con adaptar a formación autonómica para o emprego ás necesidades dos diferentes sectores co fin de atender a demanda de man de obra e xerar máis e mellor emprego na comunidade


Lorenzana puxo en valor iniciativas o programa Retorna Cualifica Emprego que con 4M€ aspira a que 400 persoas retornen a Galicia cun contrato
 

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe en Santiago de Compostela unha xuntanza con José Antonio Gómez e José Luis Fernández, do sindicato UGT, na que avaliaron as necesidades de persoal traballador cualificado no sector primario.

Segundo explicou Lorenzana tras o encontro, este reto de casar oferta con demanda encádrase na Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, pioneira en España, inspirada na Axenda Europea de Capacidades e articulada a través dun pacto social a tres bandas: Administración, tecido empresarial e poboación activa. O seu obxectivo é dar resposta ás necesidades do tecido empresarial, situando as capacidades das persoas no centro da axenda política e mobilizando, para iso, recursos públicos e privados para crear e manter unha contorna de aprendizaxe permanente.

A titular de Emprego, así mesmo, expuxo na reunión outra das medidas que está a levar a cabo o Goberno galego para dar resposta ás vacantes que existen no mercado laboral. Así, no marco da Estratexia Galicia Retorna, co programa Retorna Cualifica Emprego, dotado con case catro millóns de euros, prevese que unhas 400 persoas residentes no exterior poidan retornar a Galicia cun contrato de traballo indefinido. Esta iniciativa xa arrancou o pasado xoves cando o Consello da Xunta deu o seu visto e prace ao protocolo que se ofrecerá á clústeres, asociacións empresariais e outras organizacións sectoriais para que se impliquen na actuación. En palabras da conselleira, a medida resultará clave para atender a demanda de profesionais que precisen as empresas nos casos nos que non se estea a cubrir coas persoas residentes en Galicia.

A mellora do Servizo Galego de Emprego tamén repercutirá, tal e como trasladou a titular de Promoción do Emprego na xuntanza de hoxe, a unha mellor concordancia entre a demanda de profesionais que precisan determinados sectores coa oferta. Neste sentido, o Goberno galego non só está a traballar na modernización das oficinas de emprego repartidas pola xeografía galega, senón que está a dixitalizalas para empregar as últimas tecnoloxías para casar, en tempo real, as necesidades de persoas traballadoras coa demanda de quen está a buscar emprego, para unha maior axilidade e eficacia do servizo.

 

Finalmente, Lorenzana lembrou as políticas de formación e emprego que está a levar a cabo a Xunta de Galicia para casar oferta con demanda e dar resposta ás vacantes que se están a detectar no mercado de traballo. Neste senso, relatou que a Xunta, na actualidade, está a financiar e impulsar unha formación dual e flexible, adaptada ás tendencias do tecido produtivo e ao actual mercado laboral.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/02/2023