A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse con veciños afectados de Folgoso do Courel

A Xunta salienta que todos os propietarios de vivendas afectadas polos lumes de xullo na provincia de Lugo xa recibiron as axudas para a reconstrución

Ángeles Vázquez explica que se concederon 19 axudas -todas as solicitadas-, o que supuxo un financiamento de máis de 1 millón de euros

Folgoso do Courel (Lugo), 10 de febreiro de 2023.-

A Xunta xa aboou as axudas concedidas para reconstruír as vivendas afectadas polos lumes rexistrados na provincia de Lugo o pasado mes de xullo, segundo salientou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha reunión con propietarios dos inmobles afectados.

 

“Concedéronse 19 axudas -todas as solicitadas-, o que supuxo un financiamento por parte da Xunta de máis de 1 millón de euros”, explicou a conselleira, que detallou que se recibiron, tramitaron e pagaron 17 subvencións no municipio de Folgoso do Courel e 2 no da Pobra de Brollón.

 

Cómpre lembrar que a Xunta sufraga o 100% do valor de reposición en caso de ruína da residencia habitual e de instalacións complementarias, e tamén ata ese máximo para cubrir os gastos de ser posible a reparación ou rehabilitación, sen que o importe poida superar os 122.400 euros. Para as residencias non habituais, a axuda pode abarcar os 61.200 euros, tanto no caso de determinarse a ruína como no de rehabilitación ou reparación.

 

A conselleira subliñou que o Goberno galego destinou 5,81 millóns de euros a esta liña de axudas para reconstruír ou rehabilitar as vivendas e, a maiores, tamén habilitou financiamento para paliar os danos causados tanto en infraestruturas de uso público do medio natural dentro da Rede galega de espazos protexidos e reservas da biosfera afectadas – 550.000 euros- como de terreos cinexéticos ordenados -300.000-.

 

En total, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda “destinou 6,6 millóns de euros a paliar os danos ocasionados polos incendios que no verán de 2022 afectaron de xeito especial ás comarcas do Courel e Valdeorras”, concluíu Ángeles Vázquez.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/02/2023