Unha vintena de concellos reforzan os seus equipamentos de emerxencia fronte ás nevadas co apoio da Xunta

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes estivo na entrega de 20 esparexedores de sal, que suman un investimento de case 83.500 €

Forman parte da liña de axudas dirixida a concellos de menos de 50.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, dotada con 1 M€

Diego Calvo participou tamén na xornada de portas abertas desenvolvida hoxe polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia co gallo da conmemoración, mañá, do Día Europeo do 112

A Estrada (Pontevedra), 10 de febreiro de 2023 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na entrega de esparexedores de sal a 20 concellos con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC). A Xunta investiu preto de 83.500 euros neste material de emerxencia para actuar no caso de nevadas, 4.124 euros por cada un dos equipos.

Así, recibiron cadanseu esparexedor os concellos coruñeses de Abegondo, Cedeira, Coristanco e Noia, e os lugueses de Lourenzá, Negueira de Muñiz, Riotorto e Trabada. Na provincia de Ourense as dotacións foron para A Bola, Beariz, Boborás, Lobios, O Bolo, O Carballiño, Paderne de Allariz, Sandiás e Vilar de Barrio, e na de Pontevedra para Meis, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.

Segundo sinalou Diego Calvo, os esparexedores entregados son equipos acoplables a vehículos mediante bola de remolque, cunha capacidade de 300 litros. Dispoñen de motor eléctrico e tanto a velocidade como a anchura de esparexemento son regulables desde o mando de distancia situado na cabina do vehículo.

Coa vintena de hoxe, a Xunta leva entregado nos últimos anos máis dun cento de esparexedores a concellos, con prioridade para os municipios cunha altitude media superior aos 500 metros segundo o establecido no Plan de protección civil ante o risco de nevadas en Galicia (NEGA).

O equipamento forma parte da liña de axudas de 2022 dirixida a concellos de menos de 50.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), dotada con 1 millón de euros. O abeiro desta medida benefícianse 122 concellos -36 na Coruña, 24 na de Lugo, 52 na de Ourense e 19 na de Pontevedra- mais Mancomunidade Terra de Celanova.

Entre o material cedido figuran, ademais dos esparexedores de sal, oito vehículos todoterreo, oito remolques, 30 tendas de campaña para a atención ás emerxencias, oito coitelas para a retirada de neve, 11 embarcacións pneumáticas duns catro metros de eslora e 105 desfibriladores externos.

Calvo incidiu no compromiso da Xunta cos servizos de emerxencias dos concellos, pese a tratarse dunha competencia municipal no caso das localidades de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos de menor poboación. Para o vicepresidente segundo, é fundamental que estes servizos conten co mellor equipamento para desenvolver o seu labor a prol da prevención e da seguridade cidadá.

Ademais apuntou que este apoio se mantén nos orzamentos de 2023, nos que se destina novamente 1 millón de euros á dotación do equipamento necesario. Esta contía súmase ao investimento histórico de 24 millóns de euros nos últimos anos, dos que 15 millóns foron para equipar as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e a contía restante os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES). A maiores, as AVPC recibiron ao longo destes anos 4 millóns de euros para custos de funcionamento. Nesta liña, Diego Calvo lembrou que o pasado martes se publicou a nova convocatoria destas axudas, dotada con 340.000 euros.

Día Europeo do 112

A entrega do material de emerxencia tivo lugar diante da sede do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112-Galicia, que se une estes días á conmemoración do Día Europeo do 112, mañá 11 de febreiro. Con tal motivo, Diego Calvo participou das xornadas de portas abertas que están a ter lugar hoxe e mañá, cun percorrido polas instalacións.

O vicepresidente segundo destacou o labor desenvolvido por este servizo, no que a Xunta investiu 13,5 M€ nos últimos anos para melloras tecnolóxicas e que o converten nun dos centros destas características máis modernos do Estado. Calvo referiuse especialmente á importancia do traballo de atención e xestión das chamadas da poboación que, unha vez recibidas, xeolocalízanse e clasifícanse segundo a tipoloxía de incidencia.

Isto implica a mobilización de servizos operativos e colaboradores de intervención, así como diferentes comunicacións a responsables de organismos e institucións relacionados coa incidencia ou emerxencia rexistrada. Segundo indicou, ao longo do pasado ano o CIAE 112 Galicia recibiu preto de 854.000 chamadas e unha de cada catro rematou nunha incidencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/02/2023