Transcorridos máis de oito meses da aprobación polo Consello da Xunta, o Boletín Oficial do Estado (BOE) publica hoxe a aprobación deste plan, un instrumento fundamental para a xestión da auga en Galicia

O Plan Hidrolóxico de Galicia costa 2021-2027 entra en vigor como unha folla de ruta para lograr o bo estado do 100% das masas de auga

O Plan Hidrolóxico recolle 212 medidas e 1.885 M€ de investimento, dos cales 973 M€ se destinarán a saneamento e 560 M€ a abastecemento


Establécense 79 medidas normativas para fomentar unha xestión máis sustentable da auga, adaptada ao cambio climático e aos obxectivos ambientais

 

Este plan ten moi en conta a necesidade de adaptar a xestión da auga ao novo contexto climático, tanto a situacións de seca como a episodios de inundacións
 

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2023

O Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa 2021-2027 entra en vigor como unha folla de ruta con rango de lei para lograr que o 100% das masas de auga da conca acaden o bo estado.

 

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica hoxe a aprobación deste plan, tras unha tramitación que comezaba coa luz verde por parte do Consello da Xunta hai xa oito meses, e a posterior autorización, o pasado 24 de xaneiro, por parte do Goberno central.

 

Con ese fito, Galicia pioneira ao aprobar o seu plan de conca, un instrumento de planificación que ten moi en conta a necesidade de adaptar a xestión da auga ao novo contexto de cambio climático, tanto no relativo ao risco de inundacións como aos episodios de seca.

 

O Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa, que ten vixencia  durante 6 anos, permitirá velar pola calidade de todos os ríos que nacen e morren na comunidade, das augas costeiras asociadas e das augas de transición.

 

O citado documento recolle un programa de 212 medidas e 1.885 M€ de investimento.  O maior esforzo económico destinarase ás actividades máis importantes para a calidade das augas: o saneamento e a depuración, prevendo unha mobilización de 973 M€; e o abastecemento, con máis de 560 M€, absorbendo o 80% do orzamento do plan.

 

Un total de 110 das 212 medidas previstas con carácter de investimentos disporán de financiamento autonómico, é dicir, máis de 605 M€. Polo tanto, a Xunta asume o 52% das medidas recollidas no plan e o 63% do investimento previsto.

 

Ademais, o plan contén 79 medidas de carácter normativo para establecer normas adaptadas ás problemáticas actuais do uso da auga, á xestión máis sustentable, ao contexto climático e a garantir un mellor cumprimento dos obxectivos ambientais.

 

Novidades

O plan inclúe novidades normativas para a preservación das masas de auga, como a limitación de plantacións en zonas de servidume do dominio público hidráulico e de traballos que supoñan o deterioro dos ecosistemas dos ríos, fomentando a vexetación de ribeira.

 

Así, daranse facilidades aos cidadáns para realizar plantacións, sementas ou traballos de mantemento en zona de policía pero fóra de servidume, labores que poderán facerse sen autorización de Augas de Galicia.

 

O plan tamén recolle unha maior protección das masas da auga cunha mellor xestión dos xurros, establecendo a obrigatoriedade de impermeabilizar o seu almacenamento e cubrilos axeitadamente, para evitar posibles vertidos ao medio.

 

En canto aos caudais ecolóxicos, incorpóranse diversas previsións para contribuír a clarificar a súa aplicación así como o control do seu cumprimento, pois estes caudais son de aplicación directa e inmediata e, polo tanto, de obrigado cumprimento.

 

Estableceranse, ademais, medidas contra o uso abusivo da auga.

 

Consenso

A Xunta realizou un inxente traballo de campo para elaborar o novo plan, que incluíu a revisión e actualización do plan anterior (2015-2021), realizando unha completa análise e primando a participación.

 

Para isto, acometéronse 55.000 analíticas nas masas de auga con distintos parámetros, físico-químicos, biolóxico e hidromorfolóxicos, para avaliar o seu estado e a súa calidade.

 

Ademais fomentouse a participación pública, coa divulgación dos contidos e a sensibilización sobre a importancia da protección dos recursos hídricos, acadando un consenso maioritario coa incorporación de achegas recibidas.

 
Data de actualización: 10/02/2023