A Xunta activa o convenio con Farmamundi para atender a poboación turca e siria afectada polo terremoto

A través desta colaboración reforzarase a subministración de medicamentos de urxencia a tres centros de saúde, así como as capacidades do persoal sanitario en xestión de riscos nun contexto de crise humanitaria aguda

O Goberno galego achega 10.000 euros coa previsión de chegar nos próximos dous meses a máis dun milleiro de persoas ás que se lles subministrarán produtos de primeira necesidade

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2023

A Xunta vén de activar o convenio con Farmamundi para a posta en marcha dunha intervención de emerxencia para a atención á poboación turca e siria en situación de maior vulnerabilidade afectada polo terremoto no distrito de Pazarcik, na provincia turca de Kahramanmaras. Investiranse 10.000 euros co obxectivo de contribuír a mellorar as condicións de vida dun milleiro de persoas nos próximos dous meses coa adquisición e o subministro de produtos de primeira necesidade: paquetes nutricionais, materiais de protección como roupa de abrigo e medicamentos.

O proxecto levarase a cabo coa organización Khyar Omma Association, socio local de Farmacéuticos Mundi (Farmamundi) nesta intervención, que ao contar cun permiso específico para cruzar a fronteira e traballar no norte de Siria pode dar unha resposta máis inmediata e coordinar as necesidades humanitarias co resto de autoridades e axencias internacionais.

A intervención realizarase na zona noroeste de Siria, preto da fronteira turca e na zona sur de Turquía, preto da fronteira siria. En concreto na cidade de Jindires e nos campos de poboación refuxiada de Atmeh e Idlib; en Siria. No caso de Turquía, levarase axuda ás cidades de Antakya, Reyhanll e Kirikhan.

O terremoto de magnitude 7,8 graos na escala de Ritcher rexistrado o pasado 6 de febreiro afectou, segundo á Organización Mundial da Saúde (OMS), a rexións de Turquía e Siria nas que viven uns 23 millóns de persoas, dos que 1,4 millóns son menores.

Atención ás poboacións máis vulnerables

Dende o ano 2009 ata agora asináronse convenios anuais de resposta ante emerxencias coa organización Farmamundi por máis de 989.000 euros, incluíndo a contía do convenio deste ano no que se enmarca esta actuación en Turquía e Siria.

O obxectivo desta colaboración constante entre a Xunta e Farmamundi é realizar as actuacións que ambas partes establezan, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humana, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

Data de actualización: 12/02/2023