Conde destaca nas Somozas que tres dos catro proxectos industriais estratéxicos declarados en Galicia ata este momento son de Ferrolterra

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá nun networking

Solicita que se desbloqueen os Fondos de Transición Xusta para convocar as axudas

Lembra que desde hoxe se poden solicitar os apoios do programa Bonos de innovación

A provincia da Coruña, cun incremento do 55% nas exportacións, está contribuíndo a que Galicia poida pechar 2022 cun novo récord de vendas ao exterior

 

As Somozas, 10 de febreiro de 2023

  O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou esta mañá, durante un networking nas Somozas, que tres dos catro proxectos industriais estratéxicos declarados en Galicia ata o momento son de Ferrolterra. Trátase da planta de hidróxeno verde de Reganosa e EDP Renovables e a factoría de pneumáticos de Sentury -os dous nas Pontes- así como o proxecto de Forestal del Atlántico en Mugardos para a xeración de metanol, que suman un investimento de 863,3M€.

O encontro enmarcouse nas xornadas que desde a Xunta se están realizando polos concellos galegos para presentar o mapa de axudas que a Administración galega ten á disposición do tecido empresarial, así como para escoitar de primeira man as súas necesidades. Neste caso, As Somozas é un concello emprendedor, o que supón prioridade de acceso ás axudas convocadas pola Xunta a cambio de que o concello ofreza bonificacións de ata o 95% no IBI, IAE e ICIO aos proxectos empresariais de nova implantación ou ampliación, máis simplificación administrativa, así como máis facilidades de acceso ao solo industrial.

Conde puxo en valor que o esforzo conxunto entre as administracións e os empresarios ten permitido xerar oportunidades neste contexto de transformación industrial na comarca de Ferrolterra, onde viron a luz un 14% máis de empresas que no ano 2021. Tamén repasou algúns dos proxectos que buscan implantarse na zona como a planta de IFFE-Biotech para producir aceites omega-3, a bioplanta de Ence, a fábrica de compoñentes de eólica mariña de Nervión Naval Offshore, a planta de valorización de material de rexeitamento Valogreen Recinor ou a central hidroeléctrica reversible de Magtel, ademais dos tres proxectos industriais estratéxicos.

O vicepresidente económico explicou que desde a Xunta estase a traballar para que a iniciativa privada aposte por Galicia a través de medidas como a Lei de simplificación administrativa e, á vez, estanse buscando oportunidades a través da transición enerxética. Neste sentido, reclamou ao Goberno a revisión da planificación da rede eléctrica para incrementar os investimentos nas redes de distribución e transporte, así como o desbloqueo dos Fondos de Transición Xusta para poder convocar as axudas, das que se van beneficiar os principais proxectos previstos para a comarca de Ferrolterra.

Apoios para as pemes

No encontro, repasáronse os apoios que xa están abertos para impulsar a innovación e sustentabilidade entre o tecido empresarial. É o caso dos Bonos de innovación que xa se poden solicitar desde hoxe. Trátase dunha liña destinada a pemes para contratar servizos externos, de tramitación ou proxectos de deseño que lles permita avanzar na I+D+i. Prevese mobilizar 1M€. Por outra banda, destínase 1,5M€ á convocatoria de economía circular para promover entre pemes e autónomos procesos produtivos máis eficientes.

 

Conde finalizou referíndose á internacionalización e aos bos datos das exportacións galegas que en 2022 marcarán un novo récord, cifras ás que a provincia da Coruña contribuíu entre xaneiro e novembro con 11.130M€ en vendas ao exterior, mellorando as súas estatísticas nun 55% con respecto a 2021.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/02/2023