O proxecto europeo ‘Agrosmart Global’ apoiado pola Xunta suma 200 contactos comerciais para adquirir no exterior produtos de cooperativas galegas

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, clausurou hoxe en Cenlle (Ourense) a iniciativa dirixida a promover a competitividade do cooperativismo agroalimentario

Tomaron parte en algunha das actividades do proxecto unha trintena de entidades galegas que posicionaron uns cincuenta produtos nos ‘marketplaces’ internacionais

Cenlle (Ourense), 9 de febreiro de 2023 A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou na clausura do foro final de resultados do proxecto europeo Sudoe Agrosmart Global para a mellora da competitividade do cooperativismo no sector agroalimentario, no que puxo en valor a implicación dunha trintena de entidades galegas nas actividades desenvolvidas para mellorar a súa proxección internacional e aproveitar as oportunidades das plataformas dixitais de venda de produtos.

Nacida co obxectivo de impulsar o comercio internacional das cooperativas e pequenas empresas agroalimentarias galegas, a iniciativa europea -pilotada na comunidade pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentaria (Agaca) co apoio da Xunta de Galicia- chegou a 30 entidades, que participaron nalgunha das actividades do proxecto, e permitiu posicionar máis de 50 produtos en tres plataformas dixitais de vendas (marketplaces).

Toca puxo en valor a importancia do programa para “favorecer e protexer o posicionamento dos produtos agroalimentarios nos mercados dixitalizados” e que situou a Galicia nun proxecto internacional, da man de cooperativas de Portugal e Francia e das comunidades de Castela León, País Vasco e A Rioxa. Parte da actividade, destacou, centrouse na consecución de contactos comerciais directos de compradores, especialmente de China e de EEUU que, no caso das firmas galegas, acadaron os 200.

A Xunta está a impulsar o cooperativismo como “fórmula comprometida co entorno, a innovación e co medio rural, xeradora de emprego estable e de calidade e coa que se fixa poboación no rural”, indicou a secretaria xeral.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade seguirá a avogar en 2023 pola economía social co compromiso de destinar 42 millóns de euros a este modelo, un 20,8% do orzamento mobilizado en 2022. Neste marco, avanzou Toca, intensificaranse as  accións de difusión, os apoios á creación e de iniciativas e de impulso do emprego inclusivo.

Entre os diversos programas previstos, darase continuidade ás iniciativas Es-Factory, de aceleradoras de emprendemento; Es-Transforma, para recuperar negocios sen remuda xeracional a través da súa transformación en entidades de economía social; ou Es-Próxima, para profundar no selo de identidade da economía social.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2023