O presidente do Goberno galego recibiu á embaixadora da República de Polonia en España, Anna Sroka

O Goberno galego destaca o seu interese por manter e reforzar as relacións con Polonia que tan bos resultados aportan tanto no eido institucional como no económico

No encontro avanzaron asuntos de interese para os dous territorios, como as relacións comerciais, os retos enerxéticos ou os vínculos cada vez máis estreitos entre galegos e polacos por mor do turismo

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salienta o interese do Goberno galego por manter e reforzar as relacións con Polonia que tan bos resultados están aportando tanto no eido institucional como no económico. Así llo trasladou o mandatario galego á embaixadora da República de Polonia en España, Anna Sroka, á que recibiu nun encontro no que tamén estivo presente o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, cónsul honorario de Polonia na Comunidade galega. 

No encontro recordaron as boas relacións institucionais e diplomáticas que Galicia mantén con Polonia desde hai décadas e que se reforzaron nos últimos anos grazas ao turismo. De feito, a cidade de Cracovia conta cunha mouteira do Camiño de Santiago, e ademais, Galicia mantén un convenio de cooperación coa rexión polaca de Opole vixente desde o ano 1999. 

Os lazos entre Galicia e Polonia non se limitan ao plano institucional, como quedou patente nun encontro no que tamén se falou das relacións comerciais, tendo en conta que máis de 350 firmas galegas exportan a Polonia. O reto enerxético é outro dos puntos de interese para ámbolos dous países, xa que Polonia está inmersa nunha transición das súas fontes de enerxía e está interesada en aprender da experiencia galega; sobre todo, das oportunidades da eólica mariña. 

Alfonso Rueda e Anna Sroka coincidiron tamén en amosar a súa preocupación polas consecuencias da guerra de Ucraína e en expresar a súa solidariedade coa poboación que está a sufrir os efectos da contenda.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2023