A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantivo hoxe un encontro de traballo en Santiago co alcalde, Andrés Iglesias

A Xunta e o Concello de Pazos de Borbén avanzan na redacción do proxecto construtivo da rede de saneamento no lugar de Cuartos de Borbén

Acordan continuar cos traballos e completar o deseño construtivo das obras necesarias para dar solución á depuración das augas neste lugar da parroquia de Borbén

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito máis eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2023 A Xunta e o Concello de Pazos de Borbén abordaron hoxe os avances na redacción do proxecto construtivo para a execución da rede de saneamento e de depuración no lugar de Cuartos de Borbén.

 

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e técnicos deste ente autonómico, mantiveron hoxe un encontro de traballo co alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, co obxectivo de informalo sobre as actuacións necesarias para poder desenvolver a redacción deste proxecto construtivo, e poder así darlle solución á depuración das augas neste lugar da parroquia de Borbén.

 

Teresa Gutiérrez informou ao rexedor sobre os diferentes trámites administrativos efectuados para acadar a coordinación con outros organismos e administracións afectados, e garantir así a viabilidade administrativa desta actuación no municipio, conforme á solución desenvolvida por Augas de Galicia.

 

Na xuntanza, o Concello confirmou que está en condicións de poñer á disposición da Xunta os terreos necesarios para executar as obras, manifestando a súa conformidade ao trazado proposto para esta intervención, o que permitirá a Augas de Galicia continuar cos traballos para completar a redacción do proxecto.

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito máis eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2023