A Xunta presenta os obxectivos e resultados da Axenda Galega de Capacidades ás rexións e municipios de Europa

O pleno do Comité das Rexións tamén debateu a protección dos espazos naturais da UE e do gando fronte ataques dos grandes carnívoros

Bruxelas, 9 de febreiro de 2023 O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na primeira sesión plenaria do ano do Comité Europeo das Rexións (CdR) representando a Galicia. Foi o encargado de presentar o traballo da Comunidade no eido da capacitación laboral, así como tres emendas ao ditame da lexislación da UE en materia de recuperación da natureza.

 

Gamallo aportou, no debate sobre o Ano Europeo das Capacidades, a experiencia de Galicia á hora de mellorar a formación da man de obra. A Axenda Galega de Capacidades, explicou, traballa coa colaboración con empresas e demais axentes en materia de formación, a dixitalización do Servizo de Emprego de Galicia e a capacitación ao longo de toda a vida laboral das persoas. Estas iniciativas tamén están relacionadas coa estratexia Retorna Galicia 2023-2026, que busca a volta dos galegos e galegas emigrados. A iniciativa axuda, ademais, a ocupar as vacantes laborais con falla de candidaturas e aplacar o declive demográfico.

 

“Galicia aposta pola capacitación, a formación e a reciclaxe profesional, así como co retorno das persoas emigradas que ven nas nosas medidas unha oportunidade de retornar á súa terra”, resumiu Gamallo.

 

A participación de Galicia no pleno tamén se centrou no eido ambiental. O director xeral presentou tres emendas ao ditame do CdR sobre a futura Lei europea de restauración da natureza. Gamallo cualificou os cambios presentados como unha forma de esixir máis garantías aos Estados na protección do medio ambiente. O CdR, ademais, debateu o aumento dos ataques dos grandes carnívoros ao gando no territorio da Unión. Galicia, xunto con outras comunidades autónomas, defende o seu modo de xestión para controlar a poboación destas especies, no caso galego o lobo, e minimizar o prexuízo económico que supón para os gandeiros.

 

A pesca e a cooperación transfronteiriza, prioridades de España no CdR

O primeiro pleno do ano contou coa presentación ao presidente do Comité das Rexións, Vasco Alves Cordeiro, das Prioridades da Delegación española no Comité das Rexións para o ano 2023. O documento recolle os intereses e sensibilidades das comunidades autónomas respecto ás políticas e obxectivos da UE no marco da presidencia española do Consello da UE do segundo semestre deste ano. A pesca e acuicultura, o turismo e a cooperación transfronteiriza, eidos nos que Galicia participou activamente na preparación do documento, aparecen recollidos entre as prioridades.

 

Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. A sesión plenaria do CdR reúnese seis veces ao ano. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2023