A Xunta sinala a importancia da coordinación entre administracións e da colaboración cidadá na loita contra a vespa velutina

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, compareceu hoxe no Parlamento para dar conta do balance do ano 2022 sobre o programa galego de vixilancia e control fronte á vespa velutina

A cifra de niños retirados ao longo de 2022 ascende a máis de 22.200, case a metade deles na provincia da Coruña

Os bos resultados fan que cada ano se adhiran máis concellos ao plan centralizado de retirada de niños posto en marcha pola Xunta en colaboración coa Fegamp, chegando xa ao 98% do territorio galego

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2023 A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, compareceu hoxe a petición propia no Parlamento para dar conta do balance do ano 2022 sobre o programa galego de vixilancia e control fronte á vespa velutina, que permitiu a retirada de máis de 22.200 niños. Na súa intervención Prieto destacou a importancia da coordinación entre administracións e da colaboración cidadá na loita contra esta especie para minimizar o seu impacto e frear o avance no territorio galego.

Segundo sinalou a directora xeral o plan centralizado de retirada de niños posto en marcha pola Xunta en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en 2020 suma nos tres anos de vixencia máis de 61.600 niños retirados. Os bos resultados están facer tamén que cada ano se adhiran máis concellos á iniciativa, de xeito que no pasado ano se actuou en 306 municipios galegos, o 98% do total, fronte aos 285 do ano inicial.

Natalia Prieto lembrou que desde a posta en marcha do plan encargóuselle á empresa pública de Servizos Agrarios Galegos (Seaga) a xestión, eliminación física ou neutralización dos niños que sexan alertados pola cidadanía a través da liña 012, agás en determinados casos nos que actúan os servizos de emerxencia a través do 112. “O obxectivo é redobrar esforzos e concentrar os recursos públicos para ofrecer unha actuación profesional e eficaz, cunha sistemática homoxénea de actuación en toda a comunidade”.

Así, desde a alerta recibida no Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012, o prazo medio para a retirada dos niños é de 5 días hábiles. O período pode ser maior en casos onde son inalcanzables ou dificilmente accesibles e requiren actuacións complementarias ou permisos administrativos ou de propietarios.

 

Ademais, hai outros casos que se constata que son niños inactivos que xa non teñen actividade de vespa asiática ou que non procede actuación porque están situados en zonas onde non se poden visualizar de maneira directa, pertencen a outras especies distintas da vespa velutina ou xa foron retirados previamente á visita por parte do persoal de campo

 

Cando os avisos se corresponden cunha urxencia ou son de risco especial por estar en lugares moi concorridos son derivados aos servizos a través do 112. Do mesmo xeito e en sentido contrario, atendéronse o ano pasado máis de 3.000 avisos que nun principio foran asignados como emerxencias.

Datos por provincias

O balance analizado pola directora xeral reflicte que A Coruña é a provincia que rexistrou un maior número de niños eliminados ou neutralizados o ano pasado, con 10.352, seguida dos 6.899 da provincia de Pontevedra. En Lugo e Ourense retiráronse 2.918 e 2.054 niños, respectivamente.

Canto aos avisos, Natalia Prieto apuntou que a cifra deles xestionados por Sega ascendeu en 2022 a case 34.500 dos que, ao igual que en anos anteriores, a meirande parte se rexistrou en agosto, con 7.231. Nesta liña, indicou que máis da metada das chamadas se recibiron nos meses de verán. Por este motivo, o Goberno galego “reforzou un ano máis a liña específica do Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 para estender a súa cobertura a todos os días da semana desde as 8,00 ata as 20,00 horas” entre mediados de xullo e mediados de setembro.

A maiores, referiuse á aplicación ControlVelutina, que permite xestionar os avisos en tempo real e comunicación directa coa persoa alertante, a través da que se canalizaron 33.240 mensaxes. No marco desta aposta constante da Xunta polas novas tecnoloxías e o reforzo da comunicación, sumouse o pasado verán un chatbot complementario ás chamadas ao 012 que permite contactar co servizo as 24 horas do día e os 365 días do ano. Desde a súa posta en marcha xestionáronse a través del 4.409 avisos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2023