A Casa de Galicia en Madrid acolleu durante dúas xornadas un ciclo formativo de educación infantil no que participaron medio cento de persoas

Madrid, 9 de febreiro de 2023

O director da Casa de Galicia en Madrid, Juan Serrano, deu a benvida a medio cento de alumnos e aos seus profesores, que participaron nunha semana de formación en Madrid na que a Casa de Galicia serviu de sede.

Serrano amouse encantado coa presenza dos mozos e mozas procedentes tanto de Galicia coma de Madrid “porque sodes o futuro da nosa terra, do noso país”, afirmou o director da Casa de Galicia que felicitou aos profesores pola súa labor e animounos a seguir programando este tipo de iniciativas, poñendo a súa disposición as instalacións da delegación da Xunta na capital de España.
 
O alumnado do ciclo superior de Educación Infantil, os dous primeiros días desta semana de formación, estivo inmerso na actividade diaria de varios colexios da capital madrileña: Montealto, Tajamar, Senara, Los Tilos e Nuestra Señora del Recuerdo.
 
Na Casa de Galicia desenvolvéronse varias charlas técnicas con profesionais do márketing e do audiovisual. Rita Rodríguez, Ceo de The Turtle Academy coa tertulia Manual de primeros auxilios cómo dedicarse a la publicidad y no morir en el intento achegoulles algunhas das claves da profesión de publicista. Laura Cardenal e Eduardo Contreras, da empresa Selectra, centráronse na importancia da fidelización da marca como éxito da empresa, Alejandro Lafuente e Lara Pérez de Bteam Pictures explicaron o papel do márketing nunha distribuidora audiovisual.

O mércores o alumnado do ciclo superior de educación infantil participou en diversas actividades: a relatorio de Marga Alonso centrada na orientación educativa, a de Juan Sánchez, presidente da Asociación Internacional de Educadores Infantís Amei Wace, na que lles presentou a labor que desenvolven dende esta entidade, con Lola Forfo traballaron a psicomotricidade e con José Luis Zarataín coñeceron as iniciativas que levan a cabo na Fundación Promoción Social.

Por outra banda, Jorge Castro e Javier López, directores creativos de Havas Comunicación, traballaron co alumnado do ciclo de márketing e publicidade e explicaron os departamentos e os postos de traballo dunha axencia e titorizaron diferentes propostas elaboradas polo alumnado para incorporar ao seu portfolio.

Para rematar a xornada, Julio Feito e Silvia Mollón da empresa Natveevo desenvolveron un obradoiro de Creación da marca persoal no que participou o alumnado de todos os ciclos.

“Na nosa metodoloxía o acercamento do alumnado á súa realidade profesional é unha constante. A semana de formación a Madrid permite que os futuros profesionais poidan coñecer unha pluralidade de entornos empresariais e profesionais que complementan o seu coñecemento e enriquecen a súa formación“, indicou Raquel Carregal, directora do centro formativo

Data de actualización: 09/02/2023