Extinguido o incendio forestal rexistrado no concello ourensán de Muíños, parroquia de Prado de Limia

Segundo as últimas medicións, o lume -que entrou de Portugal- afectou 160 hectáreas de monte raso dentro do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2023 A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado no concello ourensán de Muíños, parroquia de Prado de Limia, quedou extinguido ás 9,50 horas desta mañá.

 

O lume orixinouse sobre as 18,00 h. do luns en Portugal en dous focos diferentes e, posteriormente, entrou en Galicia. Segundo as últimas medicións, afectou unha superficie de 160 hectáreas de monte raso dentro do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Na súa extinción traballaron 2 técnicos, 12 axentes, 15 brigadas, 8 motobombas e 2 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Data de actualización: 08/02/2023