A Xunta mobiliza 7,7 M€ para formar unhas 20.000 persoas ocupadas en 2023 e 2024 no marco do plan de formación dirixido a este colectivo

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria para que entidades inscritas impartan formación principalmente en especialidades con maior demanda

A orde incrementa o seu orzamento nun 40% respecto da precedente

Como novidade, na baremación de candidaturas terase en conta a diversificación territorial do alumnado e das accións formativas

A Xunta considerará colectivos prioritarios destinatarios dos cursos ás mulleres, vítimas da violencia de xénero e a persoas traballadoras menores de 30 anos ou maiores de 45, con empregos a tempo parcial ou afectados por ERTE

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2023 A Xunta destinará no período 2023-2024 un total de 7,7 millóns de euros á formación dunhas 20.000 persoas ocupadas. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria dirixida a centros e entidades de formación profesional, que poden formalizar a súa solicitude ata o próximo 8 de marzo. O obxectivo non é outro que o de dar resposta ás demandas de cualificación do mercado de traballo para outorgar maiores oportunidades á poboación traballadora.

A nova convocatoria supera nun 40% o orzamento da anterior (5,5M€) e reformula algúns criterios para incentivar especialidades formativas con maior demanda, a diversificación territorial do alumnado e a variedade dos cursos. Bríndase ademais a opción de que o alumnado simultanee dúas formacións.  

O plan formativo estará dirixido prioritariamente a persoas ocupadas, situación laboral que se determinará no comezo da formación. Cando unha alumna o alumno pase a situación de desemprego durante os cursos, poderá seguir a participar no mesmo.

Poderán beneficiarse das accións persoas traballadoras ou socias das empresas da economía social que acheguen actividade económica, tamén autónomas e autónomos e mesmo persoal afectado por medidas temporais de suspensión de contrato (como ERTEs), ou dun expediente de regulación de emprego (ERE), motivadas por causas económicas, técnicas, organizativas, de produción ou de forza maior.

A Xunta fai unha reserva para que tamén poidan participar nas referidas accións persoas traballadoras desempregadas, até un límite do 30% do número de participantes.

A efectos da nova convocatoria, a Administración autonómica considerará como colectivos prioritarios: mulleres, vítimas de violencia de xénero, traballadoras ou traballadores menores de 30 anos ou maiores de 45, persoas traballadoras a tempo parcial, emigrantes retornados e persoas inmersas en ERTE. Como en anteriores edicións, manterase o apoio ás actividades formativas co 100% do alumnado con discapacidade.

No caso de se desenvolver soamente en 2023, as accións formativas deberán rematar como data límite o 20 de decembro dese ano. Para as que abrangan dúas anualidades (2023 e 2024) ou se impartan só en 2024, finalizarán antes do 30 de setembro de 2024.

Coa nova edición do programa, a Xunta de Galicia terá mobilizados desde 2009 cerca de 147 millóns de euros para mellorar a formación prioritaria do persoal ocupado, chegando a unha media de 18.700 persoas cada ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/02/2023