A Xunta informa á agrupación de AAVV da zona rural e á Federación Roi Xordo das axudas abertas de 3 M€ destinadas a garantir a súa actividade

A delegada territorial, Martina Aneiros, reuniuse esta mañá cos presidentes de ambas entidades, Manuel Sendón e Andrés Medín, aos que informou do Plan específico de acción comunitaria destinado a AAVV, asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas

A convocatoria vai dirixida a sufragar obras nos locais sociais, reparación das traídas de augas comunitarias e adquisición de equipamento

Ferrol, 7 de febreiro de 2023 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, mantivo esta mañá un encontro cos presidentes da Agrupación de AAVV da zona rural de Ferrol, Manuel Sendón, e da Federación de Asociacións Veciñais de Ferrol Roi Xordo, Andrés Medín, aos que informou das axudas do Plan específico de acción comunitaria. Este programa está destinado ás asociacións veciñais (incluídas confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños), comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais para a realización de obras nos locais sociais, adquisición de mobiliario e equipamento e reparación de captacións e traídas de auga, no caso das comunidades de usuarios de augas.

Durante a reunión, á que tamén asistiu a presidenta da asociación O Lago de Doniños, Emilia Blanco, a delegada avanzou que a Xunta mantén a dotación de 3 millóns de euros da anterior convocatoria co obxectivo de garantir a actividade destes colectivos. “A finalidade destas axudas é mellorar a calidade de vida local e fomentar e dinamizar a participación veciñal xa que, como entidades máis próximas á cidadanía, son as primeiras en atender e canalizar as súas demandas”, indicou Aneiros que animou aos veciños a solicitar estes incentivos.

Un total de 224 colectivos de toda Galicia beneficiáronse o pasado ano desta convocatoria que contempla, coma novidade na convocatoria para 2023, dúas liñas de axuda. Unha delas dotada con 2,5M€ para obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e para obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidade de usuarios de augas.

A segunda liña destínase á adquisición de equipamento (mobiliario, material de oficina, equipamento informático ou acústico e audiovisual ademais doutros recursos para actividades específicas) cun financiamento de 500.000 euros.

As axudas económicas que se concedan poderán lograr a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras, e de 5.000 euros para dotación de equipamento. As asociacións de veciños e de mulleres rurais que desexen optar a esta convocatoria deberán estar debidamente inscritas nos rexistro de asociacións da comunidade central e provincial e as comunidades de usuarios de augas, no libro de rexistro de augas do correspondente organismo de bacía.

A Xunta leva investido preto de 19 M€ no Plan específico de acción comunitaria desde a súa posta en marcha no ano 2016, cos que se teñen apoiado máis de 1.300 proxectos en toda Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/02/2023