A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe as instalacións

A Xunta concede 42.000 € ao concello de Boborás para mellorar o Punto de Atención á Infancia e ampliar o seu parque infantil

Esta actuación permitiu renovar as ventás e o acceso ao centro, así como ampliar o parque infantil anexo

Boborás (Ourense), 7 de febreiro de 2023 A Xunta concedeulle 42.000 euros ao Concello de Boborás para mellorar o seu Punto de Atención á Infancia e ampliar o seu parque infantil. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe as instalacións nas que se realizaron as obras de mellora.

 

A conselleira resaltou que esta actuación permitiu renovar as ventás e os accesos ao centro e tamén facer máis amplo o parque infantil anexo ás instalacións, que comparte co colexio de Boborás. O Punto de Atención á Infancia ten capacidade para 20 nenos e supón un importante recurso de conciliación para as familias desta localidade, que poden ir a traballar coa tranquilidade de que os seus pequenos de 0 a 3 anos estarán ben atendidos. Ademais, desde este curso os pais non tiveron que pagar nada pola atención educativa neste centro.

 
Fabiola García recordou a importante aposta do Goberno galego pola atención de 0 a 3 anos e pola conciliación familiar. Neste sentido, destacou a gratuidade de todas as escolas infantís e Puntos de Atención á Infancia da Comunidade, independentemente da súa titularidade; e da orde para a creación ou ampliación de escolas infantís de titularidade municipal, que permite seguir impulsando estes servizos e achegalos cada día a máis familias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/02/2023