A Xunta convoca axudas por 8,4 millóns de euros para a construción de vivendas para alugueiro social

Os inmobles deberán localizarse en terreos de titularidade pública e adxudicaranse en réxime de arrendamento a prezos limitados durante un período mínimo de 50 anos

Estas subvencións, que hoxe se convocan por primeira vez, van dirixidas tanto a concellos como a empresas e entidades privadas adxudicatarias de solo público

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia destinará este ano 8,4 millóns de euros a axudas para a construción de vivendas para alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes, un programa novidoso financiado con fondos europeos do Next Generation e que hoxe se convoca por primeira vez. A metade destes fondos irá destinada a concellos e o resto, a promotores privados que constrúan vivendas en terreos de titularidade pública, aínda que en caso de que a demanda supere os fondos previstos na convocatoria, poderán ampliarse ata duplicar a contía inicial.

As vivendas resultantes deberán destinarse a alugueiro durante un período mínimo de 50 anos e as rendas estarán limitadas, non podendo superar no momento da formalización do contrato o prezo de renda por metro cadrado das vivendas protexidas de protección autonómica de réxime xeral que corresponda á zona xeográfica na que estea localizada. A tal efecto, as vivendas situadas en municipios de prezo máximo superior —é dicir, as 7 cidades galegas— terán os mesmos límites de renda que as localizadas na zona 1.

No caso de vivendas promovidas por empresas privadas, estas pasarán a ser de titularidade pública unha vez que remate o período de concesión do solo. Ademais, deberán supoñer un incremento do parque público destinado a vivenda en alugueiro.

As subvencións poderán aplicarse tanto a vivendas de nova construción como á rehabilitación de edificios cun uso distinto ao residencial e que se vaian destinar a alugueiro social. As solicitudes poderán presentarse a partir de mañá e o prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 6 de outubro.

As vivendas resultantes adxudicaranse a persoas que vaian ter o seu domicilio habitual e permanente nelas, que estean inscritas no Rexistro de Demandantes de Galicia para o acceso ás vivendas protexidas de réxime xeral e cuxos ingresos familiares non excedan de 4,5 veces o Indicador público de renda de efectos múltiples en 14 pagas —24.318,84 €—.

Ademais, os inmobles deberá cumprir os requisitos de eficiencia enerxética que se establecen na propia convocatoria e que suporán a redución do seu consumo.

En canto á contía das axudas, os promotores públicos e privados poderán optar a 700 euros por metro cadrado, cun límite máximo de 50.000 euros por cada vivenda.

 

Por último, cómpre subliñar que poden solicitar estas axudas tanto os concellos como as empresas privadas que o desexen, pero é requisito imprescindible que os terreos sobre os que se constrúan as vivendas sexan de titularidade pública, e que se cumpra o resto dos requisitos establecidos na propia convocatoria.

Data de actualización: 07/02/2023