A Xunta desenvolverá con Aldeas Infantiles o primeiro programa de acollemento familiar especializado en Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a resolución do procedemento aberto por concerto social para adxudicar esta iniciativa

Neste tipo de acollemento participan fogares nos que, polo menos, un dos proxenitores dispón de cualificación profesional específica ou ben conta con experiencia ou formación no ámbito

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2023 A Xunta encarga a Aldeas Infantiles SOS Galicia o desenvolvemento do novo programa de acollemento familiar especializado. O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a resolución do procedemento aberto mediante concerto social que se abriu para adxudicar a unha entidade a realización desta iniciativa pioneira durante este ano 2023 e á que se destinan máis de 800.000 euros.

 

No acollemento familiar especializado participan fogares nos que, polo menos, un dos proxenitores dispón dunha cualificación profesional específica para realizar este labor ou ben conta con experiencia ou formación neste ámbito. Será Aldeas Infantiles a encargada de seleccionar as familias participantes no programa, xestionar os acollementos e realizar un plan de intervención e seguimento. O obxectivo é que ata 30 fogares se unan a esta primeira experiencia.

 

Así mesmo, pola dedicación exclusiva que implica o programa, remunerarase ás familias acolledoras especializadas cun importe de 1500 euros ao mes. Adicionalmente, recibirán unha compensación polos gastos de manutención do neno ou adolescente, ao igual que o resto de familias acolledoras de Galicia.

 

Acollemento especializado

O acollemento especializado trátase dun sistema de protección infantil que se está empezando a desenvolver en España, e polo momento só hai algúns proxectos en comunidades como País Vasco, Navarra, Valencia ou Canarias. Polo tanto, Galicia únese ao grupo de comunidades que apostan por esta novidosa fórmula de acollemento.

 

A experiencia no ámbito revela a necesidade de establecer esta nova modalidade de acollemento mantendo as vantaxes que supón para os nenos e adolescentes vivir nun entorno familiar. O feito de que algún dos membros da unidade familiar conte con formación ou coñecemento específico permite que os menores con especiais necesidades ou problemas de conducta teñan as máximas garantías.

 
Cómpre salientar que a aposta do Goberno galego por este sistema de protección da infancia ratifícase nos Orzamentos de 2023, xa que inclúen a aprobación do primeiro Plan de Impulso ao Acollemento Familiar de Galicia, que levará a incrementar as axudas que reciben estas familias nun 20%.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/02/2023