O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, reuniuse esta mañá con Unicef e a POIG, que terán representantes neste órgano

A Xunta publica o novo decreto que regulará o primeiro Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia

Estará conformado por 30 nenos e adolescentes de entre 8 e 17 anos que achegarán as súas opinións e propostas para articular políticas públicas

É unha das medidas que contemplaba a Estratexia Galega para a Infancia e a Adolescencia (EGIA), posta en marcha polo Goberno galego

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto que regula o Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia, o primeiro órgano colexiado que dará voz a todos os menores de Galicia para achegar as súas opinións, propostas e necesidades para que se teñan en conta á hora de poñer en marcha políticas públicas que lles afecten.

 

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, reuniuse hoxe con Unicef e coa Plataforma de Organizacións da Infancia de Galicia (POIG), que terán representantes neste consello e cuxa creación viña recollida na Estratexia Galega para Infancia e a Adolescencia (EGIA) posta en marcha polo Goberno galego.

 

O Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia estará integrado por un grupo de 30 nenos e adolescentes de idades comprendidas entre os 8 e os 17 anos, ambas incluídas. A metade deles serán rapaces e rapazas en representación dos Consellos locais de Participación Infantil de Unicef, dez procederán do grupo de participación da Plataforma de Organizacións da Infancia de Galicia (POIG) e cinco en representación do Sistema de Protección de Menores da Administración autonómica.

 

Algunhas das moitas funcións que terá: exercer de órgano de participación de todos os menores de idade galegos; trasladar as opinións, necesidades, intereses e inquietudes da infancia e adolescencia á Xunta de Galicia; realizar propostas aos organismos competentes en materia de infancia e adolescencia; velar polo cumprimento e despregamento da Convención sobre os Dereitos do Neno; propoñer informes e estudos propios sobre materias relacionadas coa infancia; suxerir a posta en marcha de actividades, xornadas, seminarios e campañas que fagan visibles as achegas dos nenos á sociedade; ou promover a creación dos consellos de participación local.´

 
É importante sinalar que este decreto foi froito do traballo colectivo entre o persoal técnico da Administración autonómica e as entidades e axentes implicados na atención á infancia, que fixeron achegas durante o período de información pública.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/02/2023