A Xunta recibe 3 ofertas para executar a ampliación da capacidade e a mellora do funcionamento da depuradora de Sada, cun investimento de máis de 10,3 M€

As 3 ofertas presentadas para acometer estas obras están conformadas por UTE, sumando un total de 6 empresas

Trátase da contratación conxunta da redacción do proxecto e da execución das obras que permitirán atender as necesidades dunha poboación de 24.393 habitantes no ano horizonte 2044 e unha achega industrial de 6.070 habitantes equivalentes

Con esta actuación incrementarase o volume de depuración, minimizando os actuais problemas de vertidos en tempo de choiva, e trataranse todas as augas residuais xeradas no municipio nun escenario futuro

A Xunta executará e financiará integramente as obras marco dunha colaboración co Concello de Sada, que asumirá o mantemento e a conservación das novas instalacións

Esta intervención realizarase en 2 fases para garantir en todo momento o funcionamento da depuradora municipal
 

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2023.-

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu 3 ofertas para executar as obras de ampliación da capacidade e de mellora do funcionamento da estación depuradora de augas residuais de Sada, que suporán un investimento de máis de 10,3 M€.

As 3 ofertas presentadas para executar estas obras están conformadas por UTE, sumando un total de 6 empresas. 

Trátase da contratación conxunta da redacción do proxecto e da execución das obras que permitirán adecuar a capacidade de tratamento da depuradora ás necesitades actuais do sistema de saneamento municipal.

 

Mediante esta intervención da Xunta dotarase á instalación hidráulica municipal de capacidade para tratar os volumes de auga almacenados na rede, minimizar os problemas actuais de vertido en tempo de choiva e depurar todas as augas residuais xeradas no municipio nun escenario futuro.

 

O contrato licitado forma parte de colaboración autorizada polo Goberno galego no Consello da Xunta do pasado día 27 de outubro. Mediante ese acordo, a Xunta asume integramente o financiamento e execución das obras, comprometéndose o Concello de Sada a recibir as obras, o seu mantemento e a conservación das instalacións executadas.

 

Os traballos estarán cofinanciados pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014/2020.

 

O obxecto do contrato licitado

A entidade hidráulica da Xunta impulsa con este contrato unha intervención fixada como prioritaria no Plan director de saneamento neste municipio coruñés, para a mellora dos sistemas de saneamento e depuración na ría de Ares-Betanzos.

 

Trátase de solucionar a problemática actual da depuradora de Sada, que non dispón neste momento de capacidade hidráulica para xestionar os caudais xerados.

 

As obras, que se executarán na mesma parcela que ocupa a estación depuradora actual, incluirán os traballos previos necesarios para manter o servizo de depuración existente durante as dúas fases de construción previstas.

 

A primeira fase desta obra incluirá a instalación dunha nova arqueta de reparto aos pretratamentos, a construción dunha nova liña de pretratamento, a modificación do primeiro reactor para a súa conversión nun tratamento biolóxico de leito móbil, e reforma provisional da liña de lamas.

 

Unha vez executadas estas infraestruturas, procederase á posta en marcha do proceso MBRR, pertencente á categoría de procesos biolóxicos usados no tratamento de augas residuais, e darase inicio á seguinte fase.

 

Nesta segunda fase da obra, construirase a segunda liña de pretratamentos, procederase á reconversión do segundo reactor biolóxico a MBBR, á implantación de novos decantadores de tipo lamelar e á reforma final da liña de lodos. Tamén se inclúe a electricidade e automatismo.

 

Durante toda a execución das obras garantirase o funcionamento da planta de tratamento de augas residuais e ao remate procederase á demolición de todas as infraestruturas que queden fóra de servizo.

 

Con estas actuacións, a nova planta de tratamento de augas residuais de Sada quedará dimensionada para atender ás necesidades dunha poboación de 24.393 habitantes no ano horizonte 2044 e 6.070 habitantes equivalentes en achega industrial. Deste xeito, a depuradora deséñase para que poida tratar unha contaminación equivalente a máis de 30.000 persoas, para facer fronte ás necesidades de poboación fixa e estacional que reciba e da industria

Data de actualización: 06/02/2023