O presidente do Goberno galego visitou as obras das novas instalacións da Asociación en defensa das persoas con discapacidade intelectual da provincia de Pontevedra

A Xunta apoia Aspanaex para a creación en Vigo dunha residencia e dun centro de día de atención ás persoas con discapacidade

Avanza a disposición de 2 M€ por parte da Administración autonómica para a posta en marcha dun servizo polo que se habilitarán 90 prazas

Subliña que a axuda se encadra nunha nova orde dotada de 13 M€ que ten como obxectivo a colaboración con dez entidades sociais galegas para remodelar, construír ou ampliar os centros que xestionan en apoio a persoas con discapacidade

Reitera o seu compromiso para facer de Galicia “un lugar máis solidario e inclusivo, un lugar máis accesible para vivir”
 

Vigo, 6 de febreiro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destaca o apoio do Goberno galego á Asociación en defensa das persoas con discapacidade intelectual da provincia de Pontevedra (Aspanaex) para a creación dunha residencia e dun centro de día en Vigo. Nunha visita ás obras das novas instalacións, o mandatario galego avanzou a disposición de 2 millóns de euros por parte da Administración autonómica para a posta en marcha dun servizo polo que se habilitarán 90 prazas. 

No acto no que estivo acompañado, entre outros, pola consellería de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, o presidente do Goberno galego puxo en valor o labor das persoas que forman parte de entidades como Aspanaex pola súa entrega a favor das persoas que precisan apoio por mor da súa vulnerabilidade física ou intelectual. Subliñou o apoio que os servizos que ofrecen supoñen para os beneficiarios e para as súas familias, e destacou a necesidade de contar con instalacións como as que se están a construír en Vigo para mellorar a calidade de vida dos usuarios e dos seus coidadores e para evitar que teñan que desprazarse a outras localidades facilitando que poidan estar preto dos seus. En definitiva, “garantir o seu futuro”, indicou. 

Con ese obxectivo, o Goberno galego puxo en marcha a finais do ano pasado unha nova liña de axudas que conta cun orzamento de 13 millóns de euros destinada a colaborar con dez entidades sociais galegas -entre as que se encontra Aspanaex- para remodelar, construír ou ampliar os centros que xestionan en apoio a persoas con discapacidade.   

O Goberno galego non esquece tampouco outras necesidades das entidades sociais e dos seus beneficiarios, para as que financia prazas nas residencias e nos centros de día, colabora coas remuneracións do persoal cualificado ou dispón de subvencións para a adquisición de vehículos adaptados, ademais de axudas con cargo ao IRPF. 

Alfonso Rueda reeditou en Vigo o seu compromiso para facer de Galicia “un lugar máis solidario e inclusivo, un lugar máis accesible para vivir”, e recordou que, con ese fin, foi creada a Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade e se incrementou nun 16% a partida destinada a sufragar estes servizos, ata chegar aos 165 millóns de euros.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/02/2023