A Xunta aproba máis de mil subvencións por importe de 37,5 M€ para plans de mellora, a creación de pequenas explotacións e a incorporación de mozos á actividade agrogandeira
O Diario Oficial de Galicia publicou a resolución das axudas da Consellería do Medio Rural correspondentes á convocatoria de 2022, concedidas a 353 mozos, a 485 persoas para investir nas súas empresas agrarias e a 166 titulares de pequenas explotacións
Con estas achegas procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e o fomento do emprego no sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural
A convocatoria deste ano 2023 permanece aberta, a cal está dotada cun orzamento de 38,8 millóns de euros, dos cales 20,5 millóns son para a liña de plans de mellora, outros 16,5 millóns para a de mozos e 1,9 millóns para o desenvolvemento de pequenas explotacións
O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou hoxe a Sociedade Agraria de Transformación (SAT) Samperez, situada no concello coruñés de Santa Comba, acompañado pola alcaldesa da localidade, María Josefa Pose. Alí, puxo en valor as axudas resoltas recentemente para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas de agricultores mozos e para o desenvolvemento de pequenas explotacións correspondentes á convocatoria de 2022. Así, aprobáronse un total de 1.004 expedientes, o que supuxo unha achega de 37,5 millóns de euros.
Todo isto enlaza cos obxectivos da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego, que busca fomentar a xestión económica profesional das explotacións, cunha orientación empresarial. Neste senso, cabe indicar que os prezos do leite en Galicia non pararon de subir nos últimos meses, rexistrando incrementos 17 meses consecutivos. Así, en decembro de 2022 (último dato publicado) medraron preto do 65% respecto ao mesmo mes de 2021, situándose nos 58,6 cts./l. Ademais, a suba supera o 78% se comparamos o último dato publicado -de decembro de 2022- co mesmo mes de 2020.
Resolución axudas 2022
O Diario Oficial de Galicia publicou onte mesmo a resolución das axudas de incorporación de mozos, plans de mellora e pequenas explotacións relativas á convocatoria de 2022, as cales están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader).
No apartado destinado aos mozos, un total de 353 incorporaranse á actividade agraria grazas a estas subvencións. Todas as solicitudes que cumpriron os requisitos foron aprobadas cunha achega media superior aos 42.000 euros por beneficiario. En total, falamos de 15 millóns de euros cos que se garante a remuda xeracional no campo. Por sectores, unha vez máis, destaca o lácteo e o vacún de carne cun 35,6% e un 30,3% dos expedientes, respectivamente.