A Xunta impulsa axudas de ata 5000 euros a través de iniciativa Xove para que a xuventude materialice os seus proxectos

Máis de 8.000 mozos beneficiáronse deste programa desde a súa posta en marcha, impulsáronse máis de 1600 programas e investíronse 6,7 millóns de euros

 

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2023 A Xunta impulsa unha nova convocatoria do programa Iniciativa Xove, que ofrece axudas de ata 5000 euros para que a xuventude galega materialice os seus proxectos. O Diario Oficial de Galicia publicou este mércores a orde que está dirixida a asociacións xuvenís, federacións ou grupos de mozos de entre 18 e 30 anos e que conta cun orzamento de 400.000 euros.

 

O programa Iniciativa acada así a súa 14ª edición axudando á mocidade a contar co apoio financeiro suficiente para lanzar os seus proxectos, favorecer a participación xuvenil na vida pública e empuxar o espírito emprendedor. Con esta orde, o Goberno galego apoia proxectos de calquera temática de interese dos mozos que poidan reverter no seu desenvolvemento profesional e persoal. Valorarase de xeito especial aquelas iniciativas dirixidas ao emprendemento, promoción de hábitos saudables ou de loita contra a violencia de xénero, entre outras.

 

As solicitudes e documentación deberán presentar por medios electrónicos. Estes proxectos subvencionados por Iniciativa Xove teñen como límite 5.000 euros de gasto, financiándose o 100% do orzamento, polo que a axuda é incompatible con outras destinadas á mesma actuación. Este programa tamén concede ás asociacións e aos grupos informais anticipos automáticos de pagamento do 80%, de xeito que a falta de liquidez non sexa un impedimento para levar a cabo proxectos interesantes.

 
8.000 mozos beneficiados

Iniciativa Xove naceu no ano 2010 como unha medida pioneira a nivel de todo o Estado. Ata o presente supuxo un investimento de 6,7 millóns de euros, investimento que facilitou o financiamento dun total de 1.600 proxectos promovidos polas entidades xuvenís e grupos informais de mozos e mozas. Os mozos e mozas beneficiados directamente como promotores dos proxectos foron un total de 8.000.

Data de actualización: 05/02/2023