A Xunta licita as obras para a mellora de 63 vivendas de promoción pública en Ourense e Carballeda de Avia, cun investimento de máis de 360.000 €

Na capital ourensá investirá máis de 142.000 euros na mellora dun grupo de 52 VPP

No caso de Carballeda de Avia, a actuación, licitada por algo máis de 222.000 €, permitirá mellorar a eficiencia enerxética de 11 vivendas protexidas

 

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2023.-

A Xunta de Galicia acaba de licitar os contratos para a execución das obras de reparación, mantemento e mellora da eficiencia enerxética dun total de 63 vivendas emprazadas nos concellos de Ourense e Carballeda de Valdeorras, cun investimento total previsto de 364.717,85 euros.

 

No caso da capital ourensá, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) procederá a executar obras de reparación e mantemento sobre un grupo de 52 vivendas emprazadas nos números 1 e 3 da rúa Manuel Lago.

 

Este inmoble é o resultado dun concurso de ideas convocado no ano 2006 que deu lugar a dous bloques nos que o acceso ás vivendas se realiza a través de dous patios abertos (un por cada bloque) que serven para ventilar e iluminar, pero están expostos á choiva, o que repercute no seu estado de conservación.

 

Deste xeito, o obxectivo do contrato é executar as obras necesarias para corrixir determinadas deficiencias sobre os elementos construtivos máis expostos, especialmente nos patios polos que se entra ás vivendas. O importe da licitación ascende a 142.615,32 euros e o prazo de execución será de seis meses, como máximo.

 

Eficiencia enerxética en Carballeda de Avia

Por outra parte, o IGVS licitou tamén as obras de reforma para a mellora da eficiencia enerxética de 11 vivendas de promoción pública situadas na avenida Castelao, no municipio de Carballeda de Avia.

 

Neste caso, procederase a mellorar o illamento dos referidos inmobles mediante a adición de illante térmico polo exterior (SATE), o que suporá unha importante mellora desde o punto de vista da súa eficiencia e, como consecuencia, traducirase nun aforro enerxético sen renunciar ao confort. Este contrato licitouse por un importe de 222.102,53 euros e o prazo máximo para a execución dos traballos será de seis meses.

Data de actualización: 05/02/2023