A Xunta pon en valor o seu modelo fiscal propio e previsible capaz de aliviar a carga das familias e empresas

O conselleiro de Facenda e Administración pública, Miguel Corgos, participou na clausura das xornadas sobre fiscalidade e contabilidade organizadas polo Colexio de Economistas da Coruña

A Coruña, 3 de febreiro de 2023.-

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, puxo en valor hoxe na Coruña o modelo fiscal propio e previsible da Xunta, un modelo capaz de aliviar a carga fiscal das familias e das empresas.

 

Miguel Corgos participou na clausura das xornadas sobre fiscalidade e contabilidade organizadas polo Colexio de Economistas da Coruña, onde recordou que o Goberno galego leva máis dunha década apostando por este modelo que, cada ano, se completa con actuacións adaptadas á conxuntura económica do momento.

 

Durante a súa intervención, destacou que os Orzamentos para este 2023 recollen novas rebaixas de impostos como a deflactación dos tres primeiros tramos do IRPF e a rebaixa do primeiro tramo con efectos retroactivos a 1 de xaneiro de 2022; a equiparación fiscal das familias de dous fillos coas familias numerosas; e a bonificación doutro 25% do Imposto de Patrimonio. Tamén fixo alusión á modificación do Imposto de Sucesións e Doazóns para non penalizar a retención que fagan as empresas dos seus beneficios co fin de acometer novos investimentos.

 

O conselleiro explicou ademais, que a estas novidades hai que engadir a consolidación de todas as rebaixas fiscais aprobadas nos últimos anos. Neste sentido, mencionou o Programa de Impostos Cero no rural do que xa se beneficiaron máis de 143.000 persoas, ou o feito de que Galicia é unha das comunidades con mellor tratamento fiscal para as herdanzas entre familiares directos e para os irmáns, coa eliminación do Imposto de Sucesións para o 99% das herdanzas directas, unha medida da que xa se beneficiaron desde 2016 máis de 719.000 galegos e galegas.

 

En canto ao Imposto de Transmisións Patrimoniais, destacou que a Xunta mantén todos os tipos reducidos para mozos, familias numerosas, persoas con discapacidade e vítimas de violencia de xénero, e que incluso pode chegar ata a eliminación deste imposto se mercan unha vivenda habitual en zonas pouco poboadas.

 

Miguel Corgos concluíu poñendo en valor a importancia destas xornadas e o papel dos asesores fiscais, tanto na prevención da fraude fiscal como no fomento dos acordos para achegar seguridade xurídica e económica ás operacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/02/2023