Lorenzana subliña o compromiso do empresariado de Valga coa xeración de emprego de calidade e de riqueza no territorio

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou na comida anual do tecido empresarial de Valga ao que animou a traballar na empregabilidade de persoas con especiais dificultades de inserción laboral

Valga (Pontevedra) 3 de febreiro de 2023.-

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe no encontro anual que os empresarios de Valga celebran coincidindo coa festividade de San Blas. Aproveitou para poñer en valor a aposta polo emprego das firmas radicadas nesta comarca das que, dixo, destaca o compromiso coas persoas e co crecemento económico de Galicia.  

A Xunta de Galicia está a avogar, tal e como trasladou Lorenzana ao empresariado de Valga, pola xeración de emprego de calidade en iniciativas que xeran riqueza no territorio galego e contribúen á fixación de poboación. A comunidade, resaltou, quere conseguir persoal cualificado que poida dar resposta ás necesidades das empresas para facer coincidir a demanda de man de obra coa oferta de poboación formada e dar resposta ás vacantes de difícil cobertura. Para conseguilo, o Goberno autonómico está a renovar a súa formación para o emprego a través da estratexia Xempre Emprego Contigo co propósito de atopar ese encaixe de traballadoras e traballadores no mercado de traballo.

A representante da Xunta puxo en valor a importancia de que a través das empresas se contribúa a fixar e avanzar na efectiva igualdade laboral, á modernización dos sistemas e o aliñamento dos proxectos cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

A conselleira lembrou que o paro rexistrado no concello de Valga baixou o pasado mes de xaneiro nun 2,3% e por encima do 1% no conxunto da comarca, a pesares do difícil contexto económico polo que se está a atravesar.

A Xunta é consciente das cargas que o tecido empresarial está a soportar coa tendencia inflacionista e a escaseza e suba de custos de materiais polo que Lorenzana animou a seguir a traballar nas oportunidades laborais, sobre todo, dixo, dos colectivos con maiores dificultades para acceder ao mercado de traballo como mulleres, mozas e mozos, persoas con discapacidade ou paradas de longa duración.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/02/2023