A Xunta destaca a estabilidade da economía galega e a importancia de que administración e tecido empresarial traballen aliñados

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago de Compostela nun xantar coloquio co presidente da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE), Antonio Garamendi


 Aposta pola colaboración público-privada para impulsar os proxectos da axenda industrial para a Galicia de 2030 e seguir avanzando no binomio industria-sustentabilidade
 

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe en Santiago de Compostela a estabilidade da economía galega e a importancia de que Administración e tecido empresarial traballen aliñados. Conde participou nun xantar coloquio co presidente da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE), Antonio Garamendi.

O vicepresidente económico explicou que as empresas teñen que ser e van ser parte da solución aos retos actuais da economía polo que Administración e tecido empresarial deben colaborar en obxectivos comúns como a transición enerxética e dixital.

Tendo en conta que as empresas crean riqueza, emprego e fan marca país, Conde explicou que a Xunta acompaña este labor, ofrece os instrumentos necesarios para medrar, innovar e conquistar mercados e colabora na identificación de oportunidades e novos proxectos sempre desde a colaboración cos axentes tanto económicos como sociais. Asegurou que o Goberno galego seguirá defendendo este modelo fronte aos que poñen en dúbida o traballo que fai a clase empresarial deste país.

Conde, que defendeu a colaboración público-privada como o mellor instrumento para impulsar os proxectos da axenda industrial para a Galicia de 2030 e o binomio industria-sustentabilidade, destacou que desde a Administración hai que trasladar estabilidade e confianza ao tecido empresarial.

Así, explicou que Galicia xa recuperou a riqueza prepandemia -é unha das tres comunidades autónomas que o logrou-, a taxa de desemprego é máis de dous puntos inferior á media española, e segue batendo récord de exportacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/02/2023