O conselleiro do Medio Rural coñeceu de primeira man as intervencións realizadas ao abeiro do convenio asinado entre ambas partes para esta finalidade

A Xunta destaca a súa colaboración coa Fundación da Catedral de Santiago para a reparación do patrimonio en madeira do templo compostelán

As actuacións permitiron restaurar o baldaquino, na capela maior; así como os xugos de carballo das campás A Maior e A Prima Salomé, na Torre das Campás; ademais de intervir nas capelas absidiais da cabeceira do templo e na Corticela
 

José González destacou, neste contexto, o traballo do CIS-Madeira no sentido de “aportar o seu coñecemento e a súa diagnose, tanto neste edificio que nos identifica a todos os galegos como noutros eidos nos que se está traballando”
 

Sinalou que a Xunta de Galicia aposta claramente pola construción en madeira e polo traballo destas características, tanto no que se refire á recuperación como noutras solucións construtivas
 

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, puxo hoxe en valor a colaboración entre a Xunta e a Fundación da Catedral de Santiago en materia de investigación e innovación para reparar todo aquel patrimonio estrutural en madeira existente no templo que así o precise.

O conselleiro coñeceu de primeira man as actuacións de recuperación e conservación realizadas ao abeiro do convenio asinado en 2018 para esta finalidade entre o Goberno galego -a través da Axencia Galega da Industria Forestal e o CIS-Madeira- e a devandita fundación, e posteriormente clausurará a xornada de presentación das intervencións levadas a cabo.

Na visita á Catedral o conselleiro estivo acompañado polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, polo director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, pola directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez, e polo director da Fundación, Daniel Santos. O titular de Medio Rural destacou que esta cooperación amosa o compromiso da Xunta coa Catedral compostelá, tendo en conta a súa importancia “tanto dende o punto de vista arquitectónico como dende as solucións construtivas”. Unha colaboración que permitiu intervir e conservar respectando sempre ao máximo os materiais orixinais.
 
En particular, as actuacións realizadas fixeron posible restaurar o baldaquino (na capela maior) con vigas de madeira de castiñeiro da mesma idade que as orixinais, así como os xugos de carballo das campás A Maior e A Prima Salomé (na Torre das campás). Ademais, interveuse tamén nas capelas absidiais da cabeceira do templo -A Branca, Mondragón e O Pilar- mediante estruturas de madeira de castiñeiro. A maiores, restaurouse a cuberta de madeira de carballo de Santa María A Antiga da capela da Corticela.
 
Neste contexto, o conselleiro destacou o traballo do CIS-Madeira no sentido de “aportar o seu coñecemento e a súa diagnose, tanto neste edificio que nos identifica a todos os galegos como noutros eidos nos que se está traballando”. Engadiu que “a Xunta de Galicia aposta claramente pola construción en madeira e polo traballo destas características, tanto no que se refire á recuperación como noutras solucións construtivas”.
 
Compre sinalar, neste sentido, que a Xunta traballa para situar a madeira no centro das políticas en materia de licitación pública e compra verde responsable. Dentro do labor do Goberno galego no eido forestal salientan os incentivos económicos e a planificación – en especial o Plan Forestal de Galicia-, así como o futuro Plan estratéxico da industria forestal-madeira. Así, o Plan Forestal supón un valioso instrumento para avanzar no papel da silvicultura activa e da xestión forestal sustentable, así como na produción de madeira de calidade. Ao tempo, o Plan estratéxico da industria forestal-madeira é unha demanda do propio sector que ten por misión acabar de aliñar o Plan Forestal coas necesidades da industria, conectando recurso e produto.
 

Promoción pública

Nesta liña, o programa de promoción para o uso da madeira en construción comeza desde a propia promoción pública, con acordos de colaboración entre Medio Rural, o Servizo Galego de Saúde ou a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para o impulso da madeira nos novos centros sanitario-asistenciais ou nos procesos de rehabilitación.  Ademais, Medio Rural traballa xa para executar a construción das novas bases de unidades operativas (denominadas BUO) do dispositivo de extinción de incendios forestais de Galicia, que se construirán enteiramente en madeira e de xeito maioritario coa procedente dos bosques galegos.

Esta promoción pública é a “panca” para a de carácter privado, que cómpre impulsar con incentivos como as axudas para o uso de madeira estrutural. Esta convocatoria, iniciada o pasado ano cunha dotación de 2,6 millóns de euros, tivo unha resposta moi positiva, con máis de 380 solicitudes en pouco máis de tres semanas. Outras axudas económicas son as dirixidas a fomentar a forestación e a silvicultura, a transición dixital e o uso da madeira mediante promoción privada, pública e tamén novos usos. Sempre con madeira con “denominación de orixe”, procedente de bosques galegos e de especies autóctonas.
 
Nesta liña compre valorar tamén a publicación, hoxe mesmo, doutra convocatoria de axudas para formar e difundir sobre os produtos e servizos dos bosques, que vai dirixida a asociacións, fundacións, colexios profesionais ou centros universitarios. Nestas achegas, o uso de madeira en construción e rehabilitación é un aspecto nuclear. Ao tempo, o produto require dunha boa administración do recurso, que vaia acompañada de lexislación acorde a esa aposta, como é a que representan a Lei de recuperación da terra agraria ou a futura norma de loita integral contra os incendios forestais de Galicia.
 
Sobre a riqueza que representa para a nosa comunidade a produción de madeira, pódese definir o monte galego como unha verdadeira “caixa de aforros” do rural e, por extensión tamén de Galicia. Así, no 2021 o sector forestal da nosa comunidade rexistrou un récord histórico de facturación, superando os 2.500 millóns de euros e as estimacións apuntan a unha cifra aínda maior para o 2022.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/02/2023