A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse hoxe co tecido produtivo do municipio

A Xunta e o concello do Corgo comprometen 1 M€ para mellorar a infraestrutura eléctrica que dará servizo ao parque empresarial da localidade e á súa ampliación

A ampliación desta área industrial, que conta cun orzamento estimado que rolda os 9 M€, xa está en tramitación

O Corgo (Lugo), 3 de febreiro de 2022.-

A Xunta de Galicia e o Concello do Corgo comprometen 1 millón de euros para mellorar a infraestrutura eléctrica que dará servizo ao parque empresarial da localidade e á súa ampliación, tal e como avanzou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, nunha reunión co tecido produtivo da localidade.

 

O obxectivo desta actuación é eliminar os actuais problemas de capacidade e garantir o subministro ás parcelas resultantes da futura ampliación e os posibles aumentos de potencia que puideran ser necesarios para o incremento de actividades no parque actual.

 

Nesa liña, cómpre lembrar que a ampliación desta área industrial, que conta cun orzamento estimado que rolda os 9 millóns de euros, xa está en tramitación. De feito, unha vez que Xestur xa redactou o proxecto de interese autonómico (PIA) e, estando rematado o período de exposición pública, só queda pendente reunir os informes sectoriais favorables para a súa probación definitiva.

 

Así, segundo explicou a conselleira, a previsión é adquirir o solo necesario para levar a cabo a ampliación este ano 2023 e proceder a iniciar as obras de urbanización o vindeiro 2024. O obxectivo é dotar esta localidade de máis de 200.000m2 de solo industrial, pasando das 36 parcelas actuais a preto de 50.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/02/2023