O programa de ocio educativo ‘Día da Xuventude’ da Xunta celebra a súa quinta xornada en Cee mañá

A xornada contará con xogos como tiro con arco, fútbol burbulla ou futbolín humano e con obradoiros de empregabilidade, de igualdade de xénero, de sensibilización medioambiental, de gastronomía saudable e de lecer educativo entre outros

Cee (A Coruña), 3 de febreiro de 2023.-

A Xunta de Galicia organizará mañá en Cee o novo programa de lecer e educación non formal Día da Xuventude, que conta cunha ampla variedade de actividades, tanto de ocio como de formación, para a mocidade de toda a contorna.

 

Este novo programa, que terá a súa quinta parada na comarca de Fisterra, comezará a súa programación ás 16:00 horas e prolongarase ata as 21:00 horas na praza do Mercado.

 

Durante toda a tarde haberá un gran abano de actividades gratuítas como xogos educativos de gastronomía, tiro con arco, fútbol burbulla, futbolín humano, obradoiros medioambientais, habilidades de empregabilidade ou a actuación musicial do artista local Alex Castro. Ademais diso, tamén contarán con información xuvenil e con postos de concienciación sobre a igualdade de xénero.

 

Toda esta programación non só achegará o ocio e a formación á xuventude galega —pois pasará por 30 localidades de todo o territorio—, senón tamén favorece á conciliación da vida familiar e laboral. Cómpre recordar que o Día da Xuventude ponse en marcha ao abeiro do Plan Corresponsables, do Ministerio de Igualdade.

Data de actualización: 03/02/2023