A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe as instalacións no concello de Vilagarcía de Arousa

A Xunta concede ao centro Princesa Letizia de Amencer-Aspace 2 M€ para a ampliación das súas prazas

Creará 22 prazas de centro de día e nove de atención residencial, que permitirán ofrecer estadías de fin de semana para o respiro familiar

O Goberno galego colaborou nestas obras a través da orde de ampliación e creación de centros de titularidade social e das axudas con cargo á casilla social do IRPF
 

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 3 de febreiro de 2023.

A Xunta concedeu ao centro Princesa Letizia de Amencer-Aspace en Vilagarcía de Arousa dous millóns de euros para a ampliación das súas prazas. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe as instalacións, que con esta axuda creará 22 novas prazas de centro de día e nove de atención residencial para persoas con discapacidade.

 

A conselleira concretou que esta axuda procede da nova orde de axudas para a construción ou remodelación de centros de titularidade social dotada con 13 millóns de euros e da que se benefician dez entidades da nosa Comunidade. Ademais, o Goberno galego colaborou con esta obra de ampliación a través da orde de axudas con cargo á casilla social do IRPF durante os últimos anos.

 

Fabiola García destacou que coas novas prazas de atención residencial, esta entidade poderá facilitar estadías de fin de semana para respiro familiar a 135 coidadores habituais ao ano. Neste sentido, lembrou que o Goberno galego ofrece axudas de entre 1500 e 1000 euros para estadías en residencias ou para o pago dun coidador no fogar. No último ano máis de 580 persoas recibiron estas axudas para “coidar de quen coida”.

 

Axudas a entidades sociais

O Goberno galego está ao carón das entidades sociais por ser as que mellor coñecen e atenden as necesidades das persoas con discapacidade. En concreto, ofrécense axudas directas a través do IRPF; de máis prazas públicas de atención; da actualización salarial dos seus profesionais cunha axuda específica de 3,4 millóns de euros; e da orde para a adquisición de vehículos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/02/2023