O turismo, comercio e ensinanzas deportivas centran as primeiras xornadas formativas do Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Ferrol

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe na sesión celebrada no CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro

As charlas para impulsar a cultura emprendedora entre a mocidade continuarán o próximo 8 de febreiro no IES Ricardo Carvalho Calero

Ferrol, 3 de febreiro de 2023

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe na primeira xornada formativa que se imparte no Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Ferrol co obxectivo de impulsar entre a mocidade a cultura emprendedora. A sesión divulgativa tivo lugar no CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro e estivo centrada no turismo, o comercio e as ensinanzas deportivas.

Estas sesións, que continuarán en Ferrol o próximo 8 de febreiro no IES Ricardo Carvalho Calero, están dirixidas ao alumnado de ESO, Bacharelato e/ou ciclos formativos.

A Xunta está a avogar por unha nova forma de emprender, que nace co propósito de por a dispor toda a axuda necesaria para sacar adiante negocios viables e de sacar o máximo partido ao talento dos máis novos. As persoas que estean pensando en emprender ou teñan un negocio en marcha con novos retos por diante poden atopar apoio e axuda a través dos polos que este ano estenderán a súa cobertura a toda Galicia.

Atraer o emprendemento á mocidade e outorgarlle as ferramentas para que as ideas de negocio poidan xerminar son dous dos obxectivos destas sesións, nas que se leva a cabo unha dinámica de 90 minutos na que as persoas participantes poden por en práctica actuacións baseadas na creatividade, algunhas individuais e outras en grupo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/02/2023