A Xunta apoia a mellora das instalacións deportivas de Trazo cunha achega de 40.000 € para unha pista de pádel cuberta

A directora xeral de Administración Local visitou hoxe o espazo creado ao abeiro da Orde de infraestruturas municipais

Natalia Prieto animou os concellos a solicitar as axudas para impulsar os servizos públicos municipais coa convocatoria de 2023, aberta ata o 20 de febreiro

Trazo (A Coruña), 2 de febreiro de 2023 A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe Trazo para coñecer a nova pista de pádel cuberta construída co apoio da Xunta. A obra realizouse ao abeiro da Orde para a creación e mellora de infraestruturas de uso municipal e contou cunha achega de 40.000 euros por parte do Goberno galego.

Segundo sinalou a directora xeral, a materialización deste proxecto dálle resposta a unha importante demanda veciñal, ao tempo que permite o aproveitamento dun espazo municipal recreativo a carón da piscina e que estaba en desuso. Nesta liña, Natalia Prieto destacou a importancia do apoio da Xunta aos concellos nestas iniciativas de mellora, xa que son as administracións máis próximas á cidadanía e que mellor coñecen as súas necesidades.

As obras consistiron na construción de cimentacións e estrutura de formigón e aceiro para instalar unha cuberta de chapa perfilada a dúas augas de aceiro galvanizado prelacado, e con faldón perimetral. Ademais, acondicionouse o pavimento deportivo existente e creouse a pista de pádel, con cerramento, catro portas de acceso e lúas de vidro de seguridade tépedo.

A directora xeral lembrou que a través da Orde de infraestruturas o ano pasado se financiaron 108 actuacións nas catro provincias galegas, 31 delas na da Coruña, e que a convocatoria para 2023 está xa aberta para recibir propostas ata o 20 de febreiro. Neste sentido, animou os concellos a presentar as súa solicitudes a prol da mellora dos servizos públicos municipais.

 

Impulso á calidade de vida no rural

Segundo indicou, trátase dunha iniciativa dirixida a impulsar a calidade de vida da veciñanza das áreas rurais a través da colaboración cos concellos, como entidades máis próximas á cidadanía e motores do desenvolvemento económico. “O obxectivo é facilitar a mellora das dotacións e infraestruturas básicas e dos servizos municipais para favorecer a fixación de poboación e garantir o equilibrio no territorio galego entre o medio rural e o urbano, o interior e a costa”, apuntou.

 

A Orde para a creación e mellora de infraestruturas súmase ao Fondo de Compensación Ambiental, destinado tamén ás administracións locais e centrado no apoio ás actuacións para a protección do medio natural. Dotado con máis de 11 millóns de euros, as entidades locais poden tamén presentar xa as súas candidaturas ata o 27 de febreiro.  

 
Nos últimos anos, Trazo beneficiouse de ambas as liñas de axudas con achegas que suman case 700.000 euros. A maiores, o pasado ano recibiu preto de 226.000 euros do Fondo base de cooperación local.

Data de actualización: 02/02/2023