A Xunta vén de investir 364.000 euros na execución de diferentes melloras no complexo xuvenil Lug

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacan a instalación dun ascensor no LUG I e o pintado das fachadas dos dous edificios

Lugo, 2 de febreiro de 2023

A Consellería de Política Social e Xuventude vén de investir 364.000 euros na realización de diferentes melloras no complexo xuvenil LUG da cidade de Lugo, formado pola residencia LUG I e o albergue LUG II.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, comprobaron hoxe o resultado das obras, correspondentes a 2022. As principais partidas foron destinadas a instalar un ascensor no LUG I, unha actuación que está en proceso de execución cun importe de 98.300 euros; e a pintar as fachadas de ambos edificios, o que supuxo un gasto conxunto de 96.700 euros.

Así mesmo, no LUG II foron substituídas as carpinterías exteriores para incrementar a eficiencia enerxética e reformáronse dous aseos. En canto ao LUG I, estes investimentos permitiron colocar novos armarios encaixados en varias habitacións, adquirir equipamento deportivo para o ximnasio e instalar oito bancos no exterior, ademais de renovar mobiliario e electrodomésticos do centro.

Ambos responsables autonómicos afirmaron que a Xunta impulsa melloras constantes nos centros xuvenís para garantir que os mozos e mozas usuarios teñan unha estadía confortable.

O complexo LUG comprende o centro LUG I, que funciona como residencia con 75 prazas para mozas e mozos estudantes durante o curso lectivo; e o albergue LUG II. Este último acolle unha ampla programación na que destacan os campamentos de verán organizados pola Consellería de Política Social e Xuventude.

Saúdos do Gabinete de Comunicación da Delegación Territorial

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/02/2023