A Xunta acomete actuacións ambientais na Cañiza e As Neves cunha nova máquina varredora e o saneamento na parroquia de Tortoreos

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou esta mañá ambas actuacións, que supuxeron un investimento global de 112.000 €, xunto aos alcaldes de Cañiza, Luis Gómez Piña, e As Neves, Xosé Manuel Rodríguez

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ten aberto o prazo de solicitude do Fondo de Compensación Ambiental 2023 ata o 27 de febreiro cunha partida de 11 M€ para os concellos, mancomunidades e consorcios

O Goberno galego investíu nos últimos anos 1,75 M€ na Cañiza e 800.000 € nas Neves en accións ambientais e de infraestruturas e vén de destinarlle máis de 280.000 € a cada un destes municipios ao abeiro do Fondo de Cooperación Local

A Cañiza-As Neves, 2 de febreiro de 2023 A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, vén de financiar a adquisición dunha máquina varredora profesional a prol do Concello da Cañiza e de acometer un novo treito da rede de saneamento da parroquia de Tortoreos, no municipio das Neves, ao abeiro da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental (FCA).

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou esta mañá ambas actuacións, que supuxeron un investimento global de 112.000 euros, xunto aos alcaldes da Cañiza, Luis Gómez Piña, e o das Neves, Xosé Manuel Rodríguez.

En primeira instancia, o representante autonómico comprobou as obras de ampliación da rede de sumidoiros no treito entre o lavadoiro de Silvares e o lugar da Ponte, na parroquia de Tortoreos deste municipio do Condado. Dita actuación executouse en dúas fases cunha lonxitude de preto de 600 metros coa correspondente dotación de conducións e pozos de rexistro e a reposición da calzada cun orzamento de 32.500 euros.

“Financiamos unha obra importante, demandada polo Concello das Neves, e damos continuidade á nosa aposta pola mellora dos servizos ambientais e doutras infraestruturas neste municipio, no que investimentos preto de 800.000 euros con estas liñas nos últimos anos e ao que a maiores adicamos, só con Fondo de Cooperación Local (FCL), 285.000 euros no derradeiro exercicio”, detallou Luis López.

A continuación, o delegado territorial desprazouse ata o Edificio Rañadoiro da Cañiza, onde coñeceu o funcionamento da nova máquina varredora profesional, que supuxo un investimento de 79.600 euros e que permitirá mellorar o servizo de limpeza e coidado natural nun concello que conta con 320 núcleos de poboación espallados nos 108 quilómetros cadrados do seu territorio.

“Esta máquina de grandes dimensións e dotada con dous cepillos garante a eficiencia do servizo, xa que permitirá actuar con maior celeridade na limpeza de zonas verdes e peonís grazas á súa mecanización. Elo enmárcase no forte compromiso da Xunta coa Cañiza tras destinarlle 1,75 millóns de euros neste ámbito nos últimos exercicios”, manifestou o representante autonómico, que tamén lembrou que a Xunta concedeulle ademais 281.000 euros do FCL en 2022.

Fondo de Compensación Ambiental, ata o 27 de febreiro

Por outra banda, Luis López recalcou a “colaboración e implicación” da Xunta cos concellos na protección e mellora do medio natural a través do citado Fondo de Compensación Ambiental, dotado neste ano con máis de 11 millóns de euros e ao que xa se poden acoller as entidades locais interesadas. Dirixido a concellos, mancomunidades e consorcios locais, a través desta orde de axudas subvenciónanse accións como campañas divulgativas, melloras de eficiencia enerxética, integracións paisaxísticas ou proxectos para evitar a degradación ambiental, entre outras. O prazo da convocatoria está aberto ata o 27 de febreiro.

A esta iniciativa súmase, tamén a prol dos concellos, a orde para a creación e mellora de infraestruturas vinculadas aos servizos municipais, dotada con 3,5 millóns de euros e cuxa convocatoria está tamén aberta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/02/2023