A Xunta fai entrega dunha vivenda de promoción pública na rúa Tinería, en Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, subliña a aposta do Goberno galego pola recuperación social e residencial deste barrio do casco histórico

Lugo, 2 de febreiro de 2023

A Xunta de Galicia fixo entrega hoxe dunha vivenda de promoción pública situada na rúa Tinería que foi adxudicada en réxime de alugamento. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou no acto de entrega de chaves e subliñou a aposta do Goberno galego pola recuperación social e residencial deste barrio do casco histórico da capital, “que pasa por continuar rehabilitando inmobles para posibilitar o asentamento de novos residentes”.

Neste sentido, Arias lembrou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), ten moi avanzadas algunhas actuacións que engrosarán a oferta pública residencial na zona proximamente, como as que resultarán da intervención no edificio situado no número 15 da mesma rúa, onde tamén hai uns meses se ofertaron por primeira vez as vivendas do edificio rehabilitado no número 30.

O Goberno galego leva máis de 40 inmobles recuperados no barrio da Tinería, que se traducen en arredor dun cento de vivendas e máis dunha vintena de locais comerciais. O IGVS tamén realiza accións de conservación, como a limpeza e repintado de fachadas e carpintarías para eliminar mofos e pintadas, as más recentes executadas en Recanto do Miño fronte á Muralla.

Data de actualización: 02/02/2023