O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, fixo hoxe balance deste programa na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia

A Xunta concedeu preto de 4.900 Bonos coidado ás familias para contribuír a atención dos seus fillos

O número de achegas económicas concedidas multiplicáronse por cinco en 2022 con respecto ao ano anterior

O orzamento para estas axudas superou o millón de euros, o que permitiu atender o 100 % das solicitudes

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2023 O Bono coidado da Xunta de Galicia para axudar aos pais na atención dos fillos chegou a 4.879 familias en 2022, o que supón multiplicar por cinco as achegas concedidas con respecto ao ano anterior. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, deu hoxe este dato na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, na que fixo un balance sobre este programa.

Jacobo Rey destacou que debido a este incremento espectacular das familias beneficiarias, o Executivo autonómico duplicou a dotación orzamentaria do Bono coidado, superando o millón de euros, o que permitiu atender o 100 % das solicitudes. Así mesmo, explicou que o Bono coidado é unha axuda directa para familias con nenos de ata 12 anos de idade, estes incluídos, para a atención de necesidades de conciliación de carácter puntual —como enfermidade ou accidente do neno ou da persoa coidadora habitual ou situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual, entre outros supostos— ou durante os períodos de vacacións escolares.

Ademais, o director xeral matizou que, dado que se trata dunha axuda de conciliación, o principal requisito para obtela é que ambos proxenitores —sexan dous ou un no caso de familias monoparentais— estean efectivamente traballando. En canto ás contías da axuda, lembrou que a máxima é de 500 euros por unidade familiar no caso da contratación dunha persoa empregada do fogar ou de servizos de atención á infancia a domicilio ou de 200 euros por cada neno no caso de asistencia a servizos de conciliación, a campamentos ou a outros recursos de conciliación nos períodos de vacacións escolares.

Récord de axudas á conciliación

Jacobo Rey resaltou que 2022 foi un ano récord nas axudas de conciliación directas ás familias. Así, ademais do crecemento no número de beneficiarios do Bono concilia, referiuse á consolidación da Tarxeta benvida, achega económica directa dun mínimo de 1.200 euros no primeiro ano de vida dun bebé, con contías superiores en concellos do rural e para familias numerosas, e que se pode ampliar ata que o neno cumpre tres anos para as rendas máis baixas.

Tamén destacou os 50 millóns de euros de fondos propios da Xunta que se destinan á gratuidade de todas as escolas infantís para o 100 % do alumnado e as 95 casas niño que están en funcionamento por toda Galicia, e que constitúen un recurso 100 % gratuíto para as familias que viven en concellos pequenos.

En terceiro e último lugar, o director xeral de Familia referiuse á nova dedución fiscal aprobada polo Goberno galego que beneficiará a todas as familias con dous ou máis fillos. Así, aquelas con dous fillos accederán por primeira vez ao beneficio fiscal que xa tiñan as familias numerosas; e para as que teñen tres ou máis nenos se incrementará a súa dedución fiscal que xa recibían cada ano.

 

Data de actualización: 02/02/2023