A Xunta destina algo máis de 2 M€ para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos en aldeas modelo ou nas zonas de polígonos agroforestais

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases reguladoras desta liña de achegas

As solicitudes de subvención poderán presentarse no prazo dun mes contando a partir de mañá
 

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2023.-

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelos cun importe de algo máis de 2 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

 

Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran cunha serie de requisitos, como que se teña declarado no seu territorio unha aldea modelo ou que se teña iniciado o procedemento de aprobación para o desenvolvemento dun polígono agroforestal. Algunhas das actuacións subvencionables son a instalación, ampliación ou mellora de infraestruturas (alumeado, enerxía renovable) e equipamentos; a rehabilitación de espazos públicos e elementos patrimoniais; as obras de construcción ou rehabilitación de edificacións de servizo público; a mellora de servizos asistenciais e culturais, así como a dixitalización de núcleos rurais e a implantación de e-servizos mediante tecnoloxías da información e a comunicación.

 

Deste xeito, estas achegas ao desenvolvemento rural contribuirán, entre outros obxectivos, a lograr un desenvolvemento territorial equilibrado das economías e comunidades rurais, incluíndo a creación e conservación do emprego. Este obxectivo enmárcase dentro da prioridade relativa ao fomento da inclusión social, a redución da pobreza e o desenvolvemento económico nas zonas rurais, facendo especial fincapé en facilitar a diversificación, a creación e o desenvolvemento de pequenas empresas e a creación de emprego.

 

O prazo para presentar as solicitudes é dun mes a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

 
Ligazón á orde no Diario Oficial de Galicia:

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/02/2023