1.245 cativos de Educación Primaria participan en Portas na fase final provincial de Campo a través do programa Xogade da Xunta

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Portas, Ricardo Martínez, asistiron ás cinco probas finais na contorna da Azucreira e presidiron o acto de entrega de medallas desta actividade organizada pola Secretaría Xeral para o Deporte


A derradeira proba desta competición, que se verá complementada coas carreiras de Vigo a mediados de febreiro, contou coa participación de alumnos de 43 centros escolares pertencentes a 25 concellos da provincia de Pontevedra


 “Máis de 17.000 deportistas de 200 centros da provincia participaron nas 17 probas zonais, o que demostra o éxito crecente dunha iniciativa que busca a dinamización do deporte escolar, a inclusión do alumnado, a loita contra o sedentarismo e o fomento da igualdade de xénero, polo que é un absoluto acerto e imos a darlle continuidade”, manifestou o representante autonómico
 

Portas, 1 de febreiro de 2023

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, celebrou hoxe a Fase Final Provincial de Campo a Través do programa de deporte escolar Xogade, que contou coa participación de 1.245 cativos e que se celebrou na contorna da Azucreira de Portas.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, o alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e o responsable provincial do servizo de Deportes, Daniel Benavides, asistiron ás cinco probas organizadas ao abeiro desta Fase Final Provincial e presidiron o acto de entrega de medallas aos tres primeiros clasificados de cada categoría.

Esta competición de Portas, enmarcada no pioneiro programa de deporte escolar impulsado pola Xunta de Galicia, pon fin ás 17 probas zonais celebradas por toda a provincia ao longo dos derradeiros meses e verase complementada con outra Fase Final que terá lugar na cidade de Vigo a mediados do presente mes de febreiro.

Este campionato provincial contou coa participación de alumnos deportistas de 61 aulas de 43 centros escolares procedentes de 25 concellos de Pontevedra: Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Ponte Caldelas, Vigo, O Porriño, Marín, Cangas do Morrazo, A Estrada, Redondela, Lalín, Tui, Moaña, Caldas de Reis, Gondomar, Cerdedo-Cotobade, O Grove, Salceda de Caselas, Baiona, Valga, Cuntis, Vilaboa, Catoira, Nigrán, Soutomaior e Pontevedra. O operativo de organización supuxo a mobilización de 34 autobuses.

A competición desenvolveuse por idades, sendo todas as probas de carácter mixto, e comezaron ás 11.00 horas coa carreira dos estudantes de sexto curso de Educación Primaria cunha lonxitude de 1.500 metros. As seguintes probas arrancaron en intervalos de 15 minutos e foron diminuíndo a distancia ata os 1.000 metros para os alumnos de quinto e cuarto curso e ata os 500 metros para os de terceiro e segundo.

“Máis de 17.000 cativos deportistas de preto de 200 centros escolares da provincia participaron nas 17 probas zonais, organizadas magnificamente polas doce Agrupacións Deportivas Escolares da provincia, o que demostra o éxito crecente dunha iniciativa que busca a dinamización do deporte escolar, a participación inclusiva do alumnado, a loita contra o sedentarismo e o fomento da igualdade de xénero, polo que é un acerto absoluto e, dende a Xunta, imos a darlle continuidade”, concluíu o representante autonómico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/02/2023