O presidente da Xunta interveu nos actos de celebración do 75 aniversario do Grupo Delta Vigo

Rueda aposta pola colaboración público-privada para sacar proveito das oportunidades que se lle presentan a Galicia

Reclama “unidade” para saldar as “débedas” coa Comunidade e “apoio” ás empresas que crean riqueza

Pon a Delta Vigo como exemplo de emprendemento que contribuíu a facer cidade coa súa traxectoria en sectores fundamentais para Vigo e para Galicia como a conserva, o naval, a automoción e, nas últimas décadas, o aeroespacial
 

Vigo, 31 de xaneiro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aposta pola colaboración público-privada para sacar proveito das oportunidades que se lle presentan a Galicia. Fíxoo hoxe en Vigo, onde interveu nos actos de celebración do 75 aniversario do Grupo Delta Vigo, aos que acudiu acompañado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias. 

Alfonso Rueda puxo a Delta Vigo como exemplo de emprendemento que contribuíu a facer cidade coa súa traxectoria en sectores fundamentais para Vigo e para Galicia, como a conserva, o naval, a automoción e, nas últimas décadas, o aeroespacial. Desde un pequeno taller en Teis na década dos 40, a firma foi medrando na fabricación de compoñentes para sectores industrias estratéxicos, e ademais de ser a primeira empresa da aeronáutica de capital cen por cen galego, apostou sempre polo I+D+i e pola internacionalización do seu produto. O presidente da Xunta subliñou que se trata dunha firma “punteira en sectores competitivos a nivel mundial”, unha empresa galega que segue en mans da familia que a fundou e que ofrece “riqueza, emprego e esperanza” a moitos galegos e galegas. 

O mandatario galego subliñou que a Xunta estará sempre preto de quen axude a crear riqueza e a mellorar a calidade de vida da poboación, de aí que garantira o apoio do Goberno galego ao desenvolvemento dos sectores cos que traballa Delta Vigo, como fixo sempre que a empresa precisou da colaboración da Administración autonómica para a posta en marcha de diferentes proxectos. “Cando medran as empresas, medran os territorios”, apuntou. 

Rueda reclamou “unidade” da sociedade para salvar a “débeda” coa Comunidade e “apoio” ás empresas que, como Delta Vigo, crean riqueza e contribúen no desenvolvemento dun territorio. Nese sentido, chamou a atención sobre as oportunidades que ofrecen os fondos europeos e puxo como exemplo o cumio celebrado a semana pasada para reclamar, xunto con Asturias e Castela e León, as infraestruturas que precisa o noroeste peninsular. Reiterou, por unha banda, a necesidade de que a automoción galega conte con ditos fondos, e que as achegas habilitadas para o Perte naval cheguen aos seus destinatarios. 

Plan estratéxico do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025

 Galicia xa é un referente na tecnoloxía aerotripulada, con 70 compañías traballando no sector e centros únicos como o de Rozas. Para reforzar un sector con moito potencial, aprobouse un plan estratéxico que xa permitiu executar 164 millóns, entre fondos públicos e privados,  no Polo Aeroespacial de Galicia entre os anos 2016 e 2020 e atraer compañías punteiras coas que traballa tamén Delta Vigo. Nese contexto, os orzamentos da Xunta reservan este ano 27 millóns de euros para a súa consolidación.
 
 Para a nova fase do Polo Aeroespacial están comprometidos 334 millóns de euros con investimento público-privado ata o ano 2025, co obxectivo de acadar os 540 millóns, para o que é necesario contar con fondos europeos, de aí a necesidade de que o Perte Aeroespacial teña en conta as demandas do sector en Galicia. 
 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/01/2023